Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

A xunta alerta de que a cadea mar-industria de galicia está ameazada por decisións do goberno central como a que en cambados pon en risco tres depuradoras e 300 empregos

A conselleira do Mar en funcións visitou as depuradoras Mariscos Linamar e Mariscos Daporta no peirao de Tragove.

  • O Goberno galego lembra que a interpretación do Executivo do Estado sobre o plan especial do porto de Tragove demostra que o sector se atopa ante un problema real, tal como se leva advertindo desde Galicia desde o ano 2019
  • A Administración central cuestiona a presenza en terreos portuarios de actividades tradicionalmente permitidas como a acuicultura ou a depuración de produtos do mar, algo que, advirte a conselleira do Mar en funcións, é de extrema gravidade e semella invadir competencias autonómicas
  • Rosa Quintana alerta de que estas decisións poderían estenderse a moitos dos 122 peiraos autonómicos cos que conta Galicia poñendo en risco instalacións do complexo mar-industria, edificacións de carácter social como centros de saúde ou colexios e incluso inmobles de institucións dependentes da Xunta e da Administración estatal
  • A titular de Mar en funcións aclara que a situación actual difire moito da vivida en 2013, cando o Goberno de Mariano Rajoy permitiu a aprobación da Delimitación de Espazos e Usos Portuarios de Cambados tras unha aclaración de Portos de Galicia sobre os usos que se estaban a dar neses terreos
  • O informe do Executivo central pretende aplicar a Lei de Costas nos espazos portuarios obviando a Lei de Portos de Galicia e a DEUP de Cambados, o que xera inseguridade xurídica no sector e en milleiros de edificacións

Cambados (Pontevedra), 9 de maio de 2022.- A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, visitou hoxe as depuradoras Mariscos Linamar e Mariscos Daporta no porto de Tragove, en Cambados, para analizar a situación na que se atopan tralo informe emitido por Costas do Estado que cuestiona a súa continuidade en terreos portuarios. A súa situación, aseverou, vén a confirmar o que o Executivo galego leva denunciando desde 2019, que as decisións do Goberno central neste sentido poñen en risco o futuro da cadea mar-industria de Galicia. Só neste caso, no do porto de Tragove, vense afectadas tres depuradoras -estas dúas e outra máis- e arredor de 300 empregos.

“Todo aquilo que levamos dicindo desde o ano 2019 e polo que nos chamaban alarmistas, vemos que é unha realidade. Diciamos que viña o lobo e acusábannos de mentir, pero  vemos que o lobo xa está aquí”, lamentou a titular de Mar en funcións, que lle trasladou aos responsables das dúas empresas o seu apoio e que a comunidade autónoma vai traballar na defensa dos seus intereses.

A representante da Xunta pediulle ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico que non aplique agravios comparativos con Galicia e dea seguridade xurídica ás empresas do sector para que poidan desenvolver os seus proxectos. Neste sentido, incidiu en que as consideracións do Executivo estatal sobre o plan especial de Cambados semellan invadir competencias exclusivas de Galicia.

A interpretación que fai o Goberno central -que cuestiona a presenza en terreos portuarios de actividades tradicionalmente permitidas como a acuicultura e a depuración de produtos do mar- pon en risco uns 300 postos de traballo só nas tres depuradoras afectadas do porto de Tragove e ameaza outras instalacións sociais -como o centro de saúde, a estación de autobuses ou a futura praza de abastos- localizadas nas proximidades.

Extrema gravidade

Rosa Quintana destacou que se trata dun asunto de extrema gravidade pois o mesmo problema pode reproducirse en moitos dos 122 peiraos autonómicos cos que conta Galicia, o que deixaría no aire a continuidade de numerosas instalacións do complexo mar-industria e de edificacións de carácter social como centros de saúde, colexios, prazas de abastos ou incluso inmobles de institucións dependentes da Xunta ou da Administración Xeral do Estado.

A conselleira do Mar en funcións tamén aclarou que a situación vivida na actualidade co plan especial de Cambados non ten nada que ver coa rexistrada en 2013, cando o Goberno de Mariano Rajoy emitiu un informe inicial desfavorable a certos usos que se estaban dando en terreos portuarios de Cambados que Portos de Galicia rebateu, o que permitiu aprobar a Delimitación de Espazos e Usos Portuarios. Deste xeito, mantivéronse os usos preexistentes e aprobouse a DEUP sen que fose recorrida, polo que o Estado respectou as competencias da comunidade autónoma.

Agora, incidiu a representante da Xunta, o informe de Costas do Estado pretende aplicar a Lei de Costas nos terreos portuarios polo que vai en contra da Lei de Portos de Galicia -vixente desde 2018-, do Estatuto de Autonomía de Galicia e da propia DEUP. Deste xeito, o Goberno central estaría a invadir competencias de Galicia, cousa que non se fixo en 2013, algo que Rosa Quintana cualificou como un novo ataque, inaceptable e desleal, ao complexo mar-industria de Galicia.

A representante do Executivo autonómico, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e polo director de Portos de Galicia, Roi Fernández, incidiu en que este tipo de actuacións por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico xeran inseguridade xurídica no sector. Trátase de interpretacións, engadiu, que poñen en dúbida o desenvolvemento de actividades tradicionalmente presentes nos portos, o que dificulta a planificación das empresas para facer investimentos e que moitas se vexan obrigadas a pechar porque a súa actividade é inviable técnica e economicamente.     

A titular de Mar en funcións reiterou que o caso de Cambados vén constatar o que a Xunta leva denunciando desde hai máis de tres anos, a vontade do Goberno central de retirar da liña de costa máis dun cento de empresas e outras 4.000 edificacións, entre elas algunhas de carácter social. De feito, intentouno coa nova Lei de Cambio Climático
-que foi recorrida pola Xunta ante o Tribunal Constitucional-, coa modificación do regulamento xeral de Costas, que está a tramitar, e tamén coas interpretacións restritivas e arrogándose competencias que non son súas no caso das instalacións asentadas nos portos.

Outros ataques

Rosa Quintana recordou que aos atrancos postos polo Goberno central nas prórrogas das concesións dos establecementos asentados na liña de costa e ás interpretacións restritivas da normativa se engaden outros ataques contra o complexo mar-industria de Galicia como o recurso ao Plan xeral de explotación marisqueira 2021-2023. “Por primeira vez desde 1991 recorreron algo para o que temos competencias exclusivas. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deunos a razón cunha sentenza moi ben fundamentada e o Goberno central volveu recorrer poñendo en risco unha explotación marisqueira -cuns 9.000 profesionais afectados- que é un modelo a seguir na Unión Europea”, censurou.

A conselleira do Mar en funcións, que recentemente mantivo un encontro con representantes do complexo mar-industria de Galicia para analizar este asunto, asegurou que a Xunta non vai escatimar esforzos co obxectivo de velar pola actividade dunhas empresas vitais para as vilas costeiras e para o conxunto da economía de Galicia.