Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

A xunta de galicia vén de investir 650.000 euros na creación de 70 novas prazas de amarre no porto de celeiro, en viveiro

  • O conselleiro do Mar visitou a dársena na que se están a asignar os atraques que dan cobertura ao total das necesidades tanto da frota profesional como náutico recreativa

Viveiro (Lugo), 3 de setembro de 2024.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia ven de rematar as obras de ampliación de prazas de amarre para embarcacións profesionais e recreativas no porto de Celeiro, no municipio lucense de Viveiro. Así o comunicou o titular do departamento autonómico, Alfonso Villares, que visitou esta mañá as obras nas que a Xunta de Galicia investiu 650.000 euros.

Villares, que estivo acompañado durante a súa visita polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, e pola directora territorial de Mar, Mariña Gueimunde, en comprobou a finalización das obras que consistiron na dotación de 70 novas prazas de atracada. Para elo foi necesaria a instalación de pantaláns flotantes e a recolocación dun dos pantaláns deportivos existentes. Con esta actuación dáse  cobertura ás necesidades de toda a frota profesional (3ª lista) e de recreo (7ª lista). Para a 3ª lista habilitáronse 18 novas prazas de esloras entre 8 e 14 metros e para a náutica, 52 prazas de 6 metros.

Concretamente, os traballos incluíron o deseño dun novo pantalán para a frota profesional, situado na marxe sur da dársena, xunto aos peiraos de descarga de embarcacións da terceira lista. Polo que respecta aos atraques para embarcacións de recreo, sitúanse na marxe este da dársena e os dous pantaláns deportivos contan con accesos independentes. Finalmente, para dar cabida á frota profesional foi preciso recolocar un dos pantaláns deportivos actuais de forma que garante a maniobrabilidade das embarcacións.

O conselleiro do Mar informou que a día de hoxe estase procedendo a asignación das prazas de amarre en coordinación cos propios usuarios dos pantaláns, polo que as obras entrarán en servizo nos vindeiros días.