Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

A xunta estudará as posibilidades de dotación de atraques no peirao de san adrián de cobres, en Vilaboa

  • A delegada territorial de Pontevedra e a presidenta de Portos de Galicia avaliaron cos representantes sectoriais as propostas de atracada.

Vilaboa (Pontevedra), 25 de xaneiro de 2021.- A Xunta de Galicia estudará as posibilidades de dotación de atraques no porto de San Adrián de Cobres, no municipio pontevedrés de Vilaboa. Así o trasladaron esta mañá nunha visita á zona a delegada territorial de Pontevedra, Luisa Piñeiro, e a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas.

Ambas representantes do Executivo autonómico mantiveron un encontro de traballo cos representantes municipais, da confraría de pescadores de Vilaboa e dos bateeiros da zona, no que se lles trasladou unha proposta de ampliación de prazas de amarre para o porto.

Desde Portos de Galicia, Susana Lenguas, avanzou que os servizos técnicos do ente público avaliarán esta proposta e definirán a súa viabilidade en función da demanda de atracada da que se ten constancia a día de hoxe. Así mesmo, trasladou a vontade do organismo portuario de dar unha solución ás demandas dos bateeiros que traballan na zona dos portos de Vilaboa e de Domaio.

Neste sentido, a delegada destacou o apoio da Xunta ao sector marítimo-portuario de Vilaboa e da comarca do Morrazo e insistiu en que os técnicos da Administración autonómica traballan na procura da solución máis eficiente para as súas necesidades.