Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de Galicia inviste 270.000 euros na mellora e acondicionamento da nave de redes de burela

  • A presidenta de Portos de Galicia e o delegado territorial da Xunta en Lugo visitaron a zona coincidindo co inicio das obras

 

Burela (Lugo), 14 de maio de 2021.-  A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de iniciar as obras acondicionamento e mellora do edificio da nave de redes do porto lucense de Burela. A presidenta do ente público, Susana Lenguas, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitaron esta mañá os traballos nos que a Administración autonómica está a investir 270.000 euros.

A presidenta de Portos de Galicia explicou durante a visita que o obxectivo desta actuación pasa por renovar e adaptar o inmoble, que conta con 40 anos de antigüidade, e habilitar nel novas dependencias para mellorar as condicións de traballo dos seus usuarios. O prazo de execución das obras estímase en tres meses polo que se prevé que poidan estar rematadas durante o verán.

Os traballos previstos inclúen a substitución da cuberta e da chapa metálica das fachadas, nas que se colocarán paneis prefabricados de formigón armado. Na parte alta instalaranse tanto paneis translúcidos, que permitirán a iluminación natural do edificio, como un lucernario. Así mesmo, substituiranse as portas de acceso do exterior por portas corredizas e renovarase por completo a instalación eléctrica.

Finalmente, o proxecto recolle tamén o saneado da estrutura mediante a limpeza, desoxidado e substitución dos elementos auxiliares ao tempo que se instalará un novo aseo e un almacén na zona central da nave. Esta parte independizarase do resto mediante a colocación de portas corredizas.

A presidenta de Portos de Galicia lembrou que esta actuación se suma a outra gran inversión recente na zona, a segunda fase de ampliación do abrigo de Burela. O ente público investiu nesta actuación, que quedou rematada en decembro de 2020, arredor de 1,2 millóns de euros. En total, Portos de Galicia leva investidos 1,7 millóns de euros en Burela no último exercicio.