Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

A Xunta inviste preto de 100.000 euros na mellora dos pantaláns de Corme

  • Rosa Quintana informou ao alcalde de Ponteceso da previsión de inicio desta actuación, consensuada previamente coa confraría de pescadores da localidade

 

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2021.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investirá preto de 100.000 euros na mellora dos pantaláns e elementos auxiliares do porto de Corme, no municipio coruñés de Ponteceso. Así llo comunicou a titular do departamento autonómico, Rosa Quintana, ao alcalde deste concello nunha reunión mantida esta semana na que estivo acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas.

A titular de Mar trasladou ao rexedor que a Xunta ten xa en execución as obras de ampliación, reforma e mellora de instalacións aboiantes en oito peiraos da provincia da Coruña, entre os que se atopa o de Corme, onde se prevé que os traballos se inicien no primeiro trimestre de 2022. As obras desta dársena foron  demandadas hai meses pola confraría de pescadores local e consensuadas pola Consellería do Mar con esta entidade representativa do sector pesqueiro.

Os traballos consistirán na renovación integral do pavimento dos pantaláns con madeira tecnolóxica así como dos fingers e a pasarela de acceso. Ademais revisaranse as pezas de asento do pavimento, que son de madeira e serán substituídas por outras de aluminio. Tamén se instalará un canlón de PVC para servizos nos pantaláns renovados.

As obras inclúen tamén o saneamento de pilotes, reforzo das unións dos fingers, reposición de elementos auxiliares deteriorados e instalación dun sistema de apertura de portas co móbil así como de escaleiras abatibles, entre outras actuacións menores.