Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

A Xunta recorre a decisión do goberno de cobrar un canón por unha concesión no porto de Bueu, de titularidade autonómica

  • O Consello acorda presentar un recurso contra a resolución da Dirección Xeral da Costa e Mar para cobrar unha taxa a Asociación Sétima Lista Robaleira por ocupar 3.780 metros cadrados do dominio público marítimo terrestre do peirao de Bueu.
  • O Estado alega que o espazo que ocupa non pertencía ao porto cando este foi transferido á Galicia en 1982.
  • Portos de Galicia demanda que as ampliacións tamén estean exentas do canon porque, o contrario, implicaría que os peiraos transferidos non poderían medrar e adaptar as súas instalacións as novas necesidades.

 

O Consello da Xunta acordou hoxe presentar un recurso contencioso-administrativo contra a resolución da Dirección Xeral da Costa e Mar, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, de cobrar un canon á Asociación Sétima Lista Robaleira de Bueu pola súa concesión neste porto pontevedrés que é de titularidade autonómica.

A resolución da Dirección Xeral da Costa e Mar, do 15 de xuño de 2023, establece que esta entidade ten que pagar un canon ao Estado pola ocupación de 3.780 metros cadrados no dominio público marítimo terrestre do porto de Bueu. A titularidade deste peirao foi transferida a Xunta de Galicia polo real decreto 3214/1982 do 24 xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á comunidade autónoma de Galicia en materia de portos.

Tal e como establece o Regulamento Xeral de Costas, as concesións ou autorizacións que as comunidades autónomas outorguen nos portos e instalacións portuarias estatais que lles foron transferidos “non devindicarán o canon de ocupación a favor da Administración Xeral do Estado”.

No caso de Bueu, o Ministerio alega que a Asociación Sétima Lista Robaleira ocupa un espazo que non pertencía ao porto cando foi transferido á comunidade galega. Portos de Galicia, sen embargo, sostén que a exención de pagar o canón debe aplicarse a realidade física do porto na actualidade, para poder incluír as ampliacións que se fixeran con data posterior a transferencia da titularidade. Do contrario, salientan, os portos traspasados non poderían modificar a súa configuración para adaptarse aos novos tempos e necesidades destas instalacións.

O obxectivo de presentar o recurso é preservar as competencias propias da comunidade autónoma e evitar que no futuro se leven a cabo outras accións similares que levan aparellado un prexuízo económico para os portos de Galicia.