Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

A Xunta traballa na mellora constante dos peiraos galegos e aposta polos avances fronte ao inmobilismo defendido desde algúns sectores

A presidenta de Portos de Galicia respondeu a unha pregunta na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo

  • A representante do Executivo autonómico destaca as medidas ambientais impulsadas polo ente público para potenciar os portos verdes e azuis e non permitir en pleno século XXI a pasividade ante potenciais danos ambientais
  • Lembrou que a normativa de taxas repercute o custo dun servizo ou do uso privativo do solo público e insistiu na vixencia de bonificacións e exencións para a actividade profesional, a náutica de recreo, a actividade comercial, a frota tradicional, a formación ou os sistemas de xestión de calidade ambiental entre outros


Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2021.- A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, explicou hoxe que o ente público traballa para mellorar continuamente as infraestruturas portuarias da comunidade co obxectivo de facilitar o traballo dos seus usuarios e de xerar emprego e riqueza na súa contorna. Neste sentido, lembrou que o Executivo galego defende esta estratexia e os avances neste eido fronte ao argumento inmobilista defendido por algúns sectores de facer as cousas dun determinado xeito “porque sempre se fixo así”.


A representante do ente dependente da Consellería do Mar expuxo a xestión portuaria da Xunta durante a resposta a unha pregunta na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia, onde cualificou esa posición inmobilista de “perversa” ao “permitir no século XXI a pasividade ante potenciais danos ambientais”. A presidenta de Portos de Galicia defendeu o esforzo do seu departamento por adoptar medidas que potencien os portos verdes e azuis e o coidado das actividades portuarias nos 122 peiraos autonómicos.


En relación co mantemento das instalacións portuarias, Susana Lenguas incidiu en que, no caso das autorizadas e concesionadas, a realización deses traballos é unha obriga do titular de dita concesión. Desatendela, lembrou, acaba por desembocar en danos maiores que poderían terse evitado. Malia esta situación, a presidenta de Portos de Galicia expuxo que, co ánimo de colaborar co sector portuario, o ente público está a asumir transitoriamente a obriga dos concesionarios no que respecta á reparación de envolventes de edificios de traballo como lonxas, naves de redes ou departamentos co obxectivo de garantir as condicións de traballo dos profesionais.


Polo que respecta á liquidación de taxas portuarias, Susana Lenguas aclarou que estas repercuten o custo dun servizo ou do uso privativo do solo público e remarcou que a Lei de Taxas recolle bonificacións e exencións para a actividade profesional, a náutica de recreo, a actividade comercial, a frota tradicional, a formación ou os sistemas de xestión de calidade ambiental entre outros.


Bueu, Corme e Corcubión.
Finalmente, a presidenta de Portos de Galicia analizou os casos concretos dos peiraos de Bueu, Corme e Corcubión. No caso de Bueu clarexou que o corte do subministro de electricidade e auga neste peirao deriva da falta de titular asignado ao contador. Deste xeito, Portos non puido identificar ao titular e polo tanto ao responsable do pago polos servizos, tal como se lle comunicou con anterioridade á confraría de pescadores.


Polo que respecta ao estado das instalacións do porto de Corme, enumerou as actuacións recentes executadas, como a reparación de fingers dos pantaláns e anunciou que xa está contratada a execución das obras de ampliación, reforma e mellora dos pantaláns, que inclúen expresamente a reposición do pavimento existente, o arranxo dos pilotes e a colocación de balizas, cun importe global de 65.000 euros.


Por último, sobre a zona de varada de Corme e Corcubión, Susana Lenguas explicou que Portos de Galicia vén de tomar as precaucións necesarias para evitar a chegada ao mar dos residuos derivados da actividade de varada, manipulación e reparación de buques.