Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

A XUNTA TRAMITA ACTUACIÓNS PORTUARIAS POR IMPORTE DE 300.000 € NA CONTORNA DE VIGO

A presidenta de Portos de Galicia e a delegada territorial da Xunta afondaron nos proxectos en marcha para os peiraos dos municipios de Cangas, Moaña e Baiona

 

Vigo, 3 de xullo de 2026.- A Xunta de Galicia tramita actuacións portuarias por importe de 300.000 euros para executar ao longo deste ano nos portos da contorna de Vigo. Así o puxeron de manifesto esta mañá a presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, e a delegada territorial da Xunta na cidade, Ana Ortiz. Nunha reunión celebrada na sede da delegación viguesa, ambas representantes do Executivo autonómico afondaron nos proxectos máis inmediatos que Portos de Galicia desenvolverá nos municipios de Cangas, Moaña e Baiona.

Así, Natalia Botana anunciou a Ortiz que o ente público licitará despois do verán o contrato transversal por importe de 4 millóns de euros para a renovación de firmes e pavimentos esgotados en viarios e explanadas en máis dunha trintena de portos autonómicos, en función da súas necesidades e logo das dúas fases executadas xa en anos anteriores. Dentro deste contrato incluiranse obras de mellora de firmes nos portos de Aldán (Cangas), cun investimento de 132.000 euros. Tamén en Cangas, investiranse 30.000 euros nesta mellora de pavimentos, que se suma aos máis de 100.000 euros na mellora de luminarias executadas nos meses pasados. Finalmente, ao porto de Meira (Moaña), destinaranse 10.000 euros para esta actuación, que se suman aos 150.000 investidos recentemente na mellora de luminarias.

Ademais, a presidenta de Portos lembrou que xa está formalizado o contrato por importe de 640.000 euros para a renovación de pavimentos de pantaláns en 10 portos de titularidade da Xunta de Galicia, entre eles o de Baiona. Neste peirao actuarase nos pantaláns 2, 3 e 4, destinados a actividade profesional pesqueira e investiranse 125.000 euros. Os traballos darán comezo nas vindeiras semanas en coordinación co sector portuario para non interferir na súa actividade estival. 

1 M€ no peirao mexilloeiro da Mosqueira

Durante a reunión, Natalia Botana e Ana Ortiz, abordaron tamén as obras que Portos de Galicia está a desenvolver para a rehabilitación do peirao mexilloeiro da Mosqueira, en Moaña, e nas que o ente público está a investir un millón de euros para mellorar as condicións de traballo do sector bateeiro. Esta actuación atópase en execución e a fin de obra está prevista para finais de ano.