Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Belén do Campo participa no izado das bandeiras Azul e de Q de Calidade turística no Real Club Náutico de Portosín, que certifican a calidade dos seus servizos

  • Izouse ademais a bandeira S de Sustentabilidade Turística, que se lle concede por primeira vez este ano
  • O acto, que serviu para enxalzar a accesibilidade e sustentabilidade das súas instalacións, tamén acolleu a bendición de embarcacións dos novos socios
  • A delegada resaltou que conseguir e manter estes galardóns é un traballo conxunto “tanto das administracións como das entidades titulares das instalacións” e subliñou “a importancia” que teñen estes distintivos como reclamo turístico

 

Porto do Son (A Coruña), 3 de agosto de 2024. A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou hoxe no izado das bandeiras Azul e Q de Calidade turística no Club Náutico de Portosín que acredita que os seus servizos e instalacións cumpren cuns criterios moi rigorosos e exixentes de calidade. Izouse ademais a bandeira S de Sustentabilidade Turística, que se lle concede por primeira vez. No acto tamén se levou a cabo a bendición das 14 embarcacións dos socios que se incorporaron recentemente ao club.

No caso da bandeira azul trátase dun distintivo co que a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais, portos deportivos, centros e sendeiros seleccionados en base a unha serie de criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos. No acto a representante do Goberno autonómico tamén participou na entrega da insignia Q de Calidade Turística.

Belén do Campo lembrou que Galicia conta este ano cun total de 114 praias pertencentes a 35 municipios galardoadas coa bandeira azul. Desde xeito, Galicia concentra case unha de cada cinco bandeiras concedidas en España (638) e consolida a súa posición entre as tres comunidades que reciben un maior número de distintivos para os seus areais, xunto con Valencia (que suma 138) e Andalucía (130).

Así mesmo, Adeac tamén recoñece os servizos e o bo estado dos portos deportivos. Das 102 instalacións recoñecidas no conxunto do país, 11 están en Galicia, unha menos que na pasada edición, xa que o Club Náutico Boiro-Marina Cabo de Cruz non presentou candidatura este ano por estar en obras.

Q de Calidade

Este recoñecemento concédese a esta entidade por 33º ano consecutivo, feito que converte ao Real Club Náutico de Portosín no máis veterano de Galicia con este recoñecemento e o único que o ostenta desde a súa creación.

Belén do Campo destacou a aposta pola calidade que desde Turismo de Galicia se está a facer como elemento diferenciador e de posicionamento do destino: “Galicia Calidade é moito máis que unha frase ou un slogan, representa o impulso cara a excelencia no que levamos traballando desde hai moito tempo desde a Xunta de Galicia”.

A delegada resaltou que conseguir e manter estes galardóns é un traballo conxunto “tanto das administracións como das entidades titulares das instalacións” e subliñou “a importancia” que teñen estes distintivos como reclamo turístico. “Nun mundo onde o turista sempre busca máis información á hora de elixir unha praia ou onde pasar as vacacións é moi importante contar con indicios fiables como son as bandeiras azuis”, indicou a delegada, quen lembrou que acadar esta distinción supón “un esforzo importante para cumprir cos criterios rigorosos do proceso, pero merece a pena pois os beneficios obtidos son importantes”.

A representante do Goberno autonómico salientou que este tipo de recoñecementos permiten consolidar a comunidade galega como un destino seguro e sostible. “Galicia está de moda e debemos traballar para que isto se manteña no tempo”, rematou.