Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Galicia acolle entre o 11 e o 19 de xuño a sexta edición da ruta marítima xacobea navega o camiño, que pasará por 15 portos autonómicos

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou na presentación da travesía náutica xacobea Navega o Camiño.

  • O evento consta de sete etapas que entre Ribadeo e o río Ulla con escalas na metade dos 30 peiraos deportivos vencellados coa travesía náutica a Santiago
  • Na iniciativa participa este ano un barco oficial da Xunta no que viaxarán xornalistas especializados en turismo de medio nacionais e europeos para promocionar a costa e as instalacións portuarias galegas
  • Entre as embarcacións participantes tamén se atopa unha pertencente ás asociacións organizadoras e integrada por unha tripulación maioritariamente feminina liderada pola gañadora dunha medalla olímpica Ángela Pumariega
  • A Xunta salienta a oportunidade que supón o Xacobeo para reactivar o sector náutico e recuperar a actividade previa á alerta sanitaria polo coronavirus
  • A conselleira do Mar subliña que Galicia é un destino seguro tamén por mar e que a rede autonómica de portos deportivos e instalacións náuticas ten un valor estratéxico tanto para a promoción turística da comunidade como para a conmemoración do fito xacobeo

 

Porto do Son (A Coruña), 18 de maio de 2021.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na presentación da travesía náutica xacobea Navega o Camiño, que se celebrará entre os días 11 e 19 de xuño e constará de sete etapas nas que os barcos participantes pasarán por 15 dos 30 portos deportivos vencellados coa ruta marítima a Santiago. A travesía transcorrerá desde Ribadeo ata o río Ulla, chegando a Padrón en catamarán e completando a pé o último tramo do camiño ata Santiago.

A titular de Mar destacou a oportunidade que supón o Xacobeo 21-22 para reactivar o sector náutico galego e que poida recuperar os niveis de actividade previos á alerta sanitaria polo coronavirus. Neste sentido, enxalzou o papel que terá Navega o Camiño nese obxectivo pois trátase dunha ruta por mar consolidada que vai xa pola sexta edición.

A representante do Executivo galego, que estivo acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, salientou que Galicia é un destino seguro tamén por mar e que a rede autonómica de portos deportivos e instalacións náuticas adquire neste momento un valor estratéxico tanto para a promoción turística de Galicia como para a conmemoración do fito xacobeo.

Rosa Quintana lembrou ademais que esta travesía se pode realizar sen necesidade de inscrición, reservando simplemente a praza de tránsito no porto no que se faga escala. Nesta edición está previsto que participen os barcos das entidades organizadoras -NorthMarinas, Asnauga e Mariñas de Galicia-, un barco de vela adaptado coordinado pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) e un barco oficial da Xunta de Galicia no que viaxarán xornalistas especializados en turismo de medios nacionais e europeos para promocionar a costa e as instalacións portuarias galegas e impulsar a incorporación de perfís de navegantes da náutica de recreo.

Entre as peculiaridades da edición deste ano, a conselleira do Mar tamén destacou a reivindicación do papel da muller na práctica náutica. Neste sentido, explicou que un dos barcos das asociacións organizadoras contará coa gañadora dunha medalla olímpica Ángela Pumariega, que liderará unha tripulación composta maioritariamente por mulleres.

A titular de Mar tamén agradeceu o esforzo realizado polas entidades organizadoras, que permite que se celebre novamente este evento malia as dificultades, e para os responsables de Cogami, por demostrar que todos os colectivos poden participar de forma activa en iniciativas coma esta e vivir de preto o mundo do mar.

Esta edición de Navega o Camiño terá o seu impulso definitivo o vindeiro venres coa súa presentación ao público nacional e internacional no posto que Galicia ten na feira internacional de turismo Fitur 2021. “Convidamos aos navegantes de todo o mundo, sexan principiantes ou teñan xa unha dilatada experiencia, a unirse a este Camiño tan especial”, concluíu a conselleira do Mar.