Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Galicia coincide con outras autonomías en denunciar a pretendida invasión de competencias do estado na xestión dos portos autonómicos

  • A presidenta de Portos de Galicia abordou este asunto nunha mesa redonda na que participou xunto con representantes de Puertos de Andalucía e Ports de la Generalitat de Catalunya no marco dunhas xornadas sobre a integración entre portos e cidades.

Huelva, 30 de setembro de 2022.- A Xunta de Galicia coincide cos Gobernos autonómicos de Andalucía e Cataluña en denunciar a invasión de competencias pretendida por parte do Estado na xestión dos portos autonómicos. Así quedou de manifesto nas 36 xornadas da Asociación Internacional pola Colaboración entre Portos e Cidades (RETE) celebradas na Autoridade Portuaria de Huelva.

Nelas, a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, participou no panel expositivo sobre a integración entre porto e cidade desde a perspectiva autonómica xunto cos representantes de Puertos de Andalucía e Ports de la Generalitat de Catalunya, no que expuxo a concepción e o traballo realizado en Galicia neste eido.

Neste marco, a representante do ente público galego reivindicou as competencias sobre os portos autonómicos e relatou os obstáculos recorrentes que Portos de Galicia está a atopar na xestión do dominio público portuario, unha visión coa que coincidiron os outros dous participantes no panel expositivo.

Tanto o presidente da Axencia Pública de Puertos de Andalucía, Rafael Merino, como o Director de Zona Sud de Ports de la Generalitat, Enric Martínez, denunciaron a invasión de competencias que as administracións autonómicas están a padecer por parte do Estado e as dificultades de xestión, coas correspondentes consecuencias socioeconómicas, que esta situación está a provocar.

Neste sentido, todos os participantes coincidiron no seu agradecemento a RETE por introducir por primeira vez nas súas xornadas as peculiaridades, problemáticas e retos de futuro dos portos autonómicos. A este respecto, a presidenta de Portos de Galicia sinalou a oportunidade xerada para establecer sinerxías entre as autonomías e deseñar solucións conxuntas aos problemas coincidentes na xestión portuaria.