Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

O conxunto dos veciños de poio beneficiaranse das obras do novo emisiario da edar dos praceres tras un forte investimento da xunta de 12 millóns de euros

  • O Executivo galego lamenta as molestias que poida causar a inhabilitación de parte do peirao de Combarro, pero lembra que se trata duns traballos de interese xeral que beneficiarán a 140.000 persoas en toda a ría e aos profesionais do mar e que se abordan seguindo rigorosos criterios técnicos.
  • O déficit municipal de prazas, que non resolveu o Concello, é o que motivou que a zona portuaria se viñese usando para estacionar malia non ser un aparcadoiro.
  • A maiores, a Administración autonómica recorda que o Concello de Poio foi informado do inicio das obras e demanda do Goberno local unha actitude construtiva na busca de solucións a posibles problemas como a perda de prazas de estacionamento.
  • As actuacións están a desenvolverse no porto de Combarro pois os informes técnicos sinálano como unha zona óptima para realizar as distintas manobras de xeito áxil e seguro, ao que se engade que o verán é o mellor momento para levalas a cabo.

 

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2022.- As obras que está a realizar a Xunta de Galicia para a construción do novo emisario submarino da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) dos Praceres beneficiará ao conxunto dos habitantes do concello de Poio -máis de 17.000 persoas- ao tratarse dunha actuación de vital importancia para o saneamento das augas da ría, para a mellora do seu estado ambiental, para os profesionais do mar e para o conxunto da cidadanía.

Esta actuación, que está a desenvolverse desde o peirao de Combarro -desde onde se colocan os materiais necesarios e o lanzamento do emisario ao determinarse esta como a única alternativa viable, conta cun investimento da Xunta de 12 millóns de euros e dará servizo aos máis de 140.000 habitantes da ría de Pontevedra.

Os traballos que se están a realizar son fundamentais para garantir a boa calidade das augas da zona e que a produción de moluscos bivalvos -tanto do marisqueo como do sector bateeiro- non se vexa prexudicada por empeoramentos na clasificación microbiolóxica das zonas de produción. Unha peor calidade das augas alongaría os pasos previos á comercialización do produto en fresco, o que afectaría ao seu prezo e reduciría os ingresos dos profesionais do mar. 

O Executivo galego lamenta as molestias que o peche de espazos no peirao de Combarro poida ocasionar ao conxunto da cidadanía da vila, pero apela á comprensión de todas as partes pois trátase dunha actuación de interese xeral que se realiza en beneficio do conxunto dos veciños da ría de Pontevedra e seguindo rigorosos criterios técnicos.

A Xunta lembra ademais que o Concello de Poio foi advertido do inicio das obras antes de que se inhabilitase esta zona portuaria, polo que o Executivo galego agarda que o Goberno local manteña unha posición construtiva neste sentido e faga os esforzos necesarios para solucionar os posibles problemas de aparcamento que poidan xurdir mediante a busca de novas zonas de estacionamento nas proximidades. Cómpre ter en conta que o déficit de aparcadoiro municipal que non resolveu o Concello, é o que vén motivando que a zona portuaria se veña usando como zona para estacionar malia non ser un aparcadoiro.

Os traballos -que se están a realizar desde o porto da Canteira, en Combarro- son complexos e requiren dun espazo, instalacións e condicións meteorolóxicas e marítimas moi específicas, polo que os técnicos elixiron este peirao como o máis axeitado para realizar as manobras coas máximas garantías de seguridade e especialmente na época na que nos atopamos, nos meses de verán, que son os máis idóneos.

Os informes técnicos realizados polo Executivo galego establecen a necesidade de apoiarse nesta zona do porto de Combarro para dispoñer do terreo suficiente no que desenvolver de xeito áxil e seguro as distintas manobras así como mover pezas de grandes dimensións empregadas nos traballos de colocación do emisario.

Xunto á necesidade de utilizar esta parte do porto, os enxeñeiros da Xunta determinaron que o período estival é o óptimo para realizar estes traballos debido a que nesta época adoita haber condicións meteorolóxicas e marítimas máis favorables -con boa flotabilidade e estabilidade, pola menor presenza de ondadas-.

O porto de Combarro reúne tamén os requisitos necesarios neste aspecto, polo que a súa elección contribúe a que a execución das distintas actuacións se realice de maneira máis segura tanto para as embarcacións como para o persoal técnico implicado nas operacións. Ao mesmo tempo, búscase reducir ao mínimo a afectación ao tráfico portuario, que é reducido na contorna do dique da Canteira.