Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

O porto do Xufre acolle un proxecto piloto de I+D+I para protexer do vento a frota abrigada por diques aboiantes

  • Portos de Galicia e a Fundación Universidade da Coruña colaboran na presentación desta solución técnica novidosa baseada na colocación de pantallas na punta dos pantaláns co obxecto de poder aplicala noutras instalacións.

 

A Illa de Arousa (Pontevedra), 17 de outubro de 2022.- Portos de Galicia, e a Fundación Universidade da Coruña (FUAC), están a colaborar na procura dunha solución técnica novidosa que permita protexer do vento a frota abrigada por diques aboiantes. Trátase dun proxecto piloto de I+D+i que se está a desenvolver no porto do Xufre, na Illa de Arousa, co obxectivo de poder aplicala posteriormente noutras instalacións e foi presentado hoxe pola presidenta do ente público, Susana Lenguas.

Esta iniciativa ten como fin avaliar os resultados da colocación de pantallas na cabeceira dos pantaláns para reducir a velocidade do vento actuante na zona abrigada polo dique flotante. Esta solución técnica innovadora é froito do convenio de colaboración asinado meses atrás entre Portos de Galicia e a FUAC, a través do Grupo de Enxeñería da Auga e do Medio Ambiente (Geama) para investigación, desenvolvemento e innovación neste sentido.

En base a este acordo, Portos de Galicia asume o financiamento do proxecto por importe de 100.000 euros. Mentres, a FUAC encárgase de executar o proxecto, incluíndo a análise da situación, definición e avaliación de alternativas, deseño da pantalla e construción do prototipo. Unha vez instalado este da Illa, a FUAC analizará tamén os datos derivados do seu funcionamento para trasladalos ao ente público co obxectivo de definir a súa aplicabilidade futura.

 

Investimentos

Entre os anos 2010-2011 o porto do Xufre, o principal peirao da Illa de Arousa, experimentou un cambio substancial na súa configuración coa construción dun varadoiro na zona noroeste do porto e un dique de aproximadamente 250 metros, o que constitúe o seu principal elemento de abrigo. Estas obras deron lugar a unha nova superficie de auga abrigada, denominada dársena exterior, que se suma ás dúas anteriores (dársena interior e dársena central).

Durante os últimos anos leváronse a cabo distintas actuacións –orzamentadas en 5,3 millóns de euros- nesta nova dársena destinadas a convertela nunha zona de amarre confortable para embarcacións. Entre elas destacan a construción de tres pantaláns de atracada con 291 prazas para embarcacións menores e 122 para bateeiras, así como o dique aboiante de 240 metros para abrigar a zona do mar de vento.

Tras a posta en servizo desta instalación, e malia atoparse adecuadamente abrigada da acción da ondada mediante diques flotantes, os usuarios das atracadas reportaron a necesidade de buscar melloras en certas áreas para reducir a acción do vento superficial sobre as embarcacións. É dicir, estudar a protección das embarcacións atracadas nos pantaláns e que se sitúan máis expostas á dirección do vento.