Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

O PRESIDENTE DE PORTOS DE GALICIA DETALLA NO FORO AZUL DE MARIÑAS DE TENERIFE OS PRINCIPAIS RETOS DA XESTIÓN DAS INSTALACIÓNS NÁUTICO RECREATIVAS

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2025.- O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez Vidal, participou esta mañá no I Foro Azul de Mariñas xestionadas polas comunidades autónomas, organizado  por Asmar, Puertos Canarios e Marinas de España, que se celebra en Tenerife ata mañá. Álvarez Vidal participou na mesa redonda celebrada baixo o título “Organismos Públicos Autonómicos. Retos de la gestión” da que formaron parte os seus homólogos de Ports de la Generalitat de Cataluña, Govern de Baleares e Euskadi Kirol Portua.

Durante a súa intervención, o presidente de Portos de Galicia aludiu as especificidades do sistema portuario autonómico galego, que con 122 portos, é o maior do conxunto do Estado en número de instalacións xestionadas. Así mesmo detallou os principais retos que afronta Portos de Galicia como responsable das 73 instalacións náutico recreativas da súa titularidade, das que 31 -20 clubs náuticos e 11 mariñas- xestiónanse a través da iniciativa privada.

En concreto, o presidente de Portos de Galicia centrou a súa presentación en 3 liñas de traballo fundamentais: a creación de máis negocio vinculado á náutica recreativa, a sostibilidade ambiental do sistema portuario autonómico e a necesidade de relevo xeracional tanto na actividade profesional como na náutica de recreo. Neste sentido lembrou os eixos de traballo que se recollen na Estratexia da Economía Axul 2024-2027 da Xunta de Galicia que mobilizará máis de 115 millóns de euros para avanzar no desenvolvemento da actividade marítima na comunidade.