Publicador de contidos
Portos de galicia aproba a nova delimitación de espazos e usos portuarios de sanxenxo e o informe favorable ao plan especial de cambados
- O Consello reitor do ente público ratificou ambos documentos que permiten avanzar na ordenación do solo portuario e a distribución da actividade que pode acoller
Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2024.- O Consello Reitor de Portos de Galicia vén de aprobar o documento de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP) do porto de Sanxenxo así como o informe favorable ao Plan Especial de ordenación portuaria de Santo Tomé e Tragove, en Cambados. O órgano, reunido esta mañá na sede do ente público, ratificou ambos documentos, que permiten avanzar na ordenación do solo portuario e a distribución da actividade que pode acoller.
No caso da DEUP de Sanxenxo, apróbase unha modificación substancial do anterior documento adaptándoo aos cambios autorizados na concesión da que é titular o porto deportivo Nauta Sanxenxo, froito do concurso de ideas convocado en 2019. Así mesmo permite reasignar o antigo uso xeral aos usos de infraestrutura básica ou ao uso non estritamente portuario, ou mixto, segundo sexa o caso, na zona vinculada co casco urbano da vila. A nova DEUP de Sanxenxo contempla 5 usos portuarios básicos no conxunto do solo de titularidade de Portos de Galicia: uso de infraestrutura básica, pesqueiro, náutico deportivo, mixto pesqueiro e náutico deportivo e uso para transporte marítimo de pasaxeiros.
Polo que respecta ao Plan Especial de Cambados, o Consello Reitor de Portos de Galicia aprobou o informe favorable previo que remitirá ao Concello de Cambados ao ser esta a administración á que corresponde, unha vez obtido este documento, a aprobación definitiva do plan. Este informe recolle os cambios derivados dos informes sectoriais recibidos na propia tramitación do plan coas diferentes administracións desde a súa aprobación inicial en 2022. Unha vez integradas as indicacións remitidas polos organismos competentes, Portos de Galicia dá luz verde ao documento para a súa aprobación definitiva en pleno municipal.