Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de Galicia asina cos concellos de cervo, Malpica, Muros, Porto do Son e Ribeira os convenios que permiten ampliar as zonas habilitadas á pesca recreativa nos seus peiraos

  • Os acordos selados hoxe afectan aos portos de San Cibrao, Aguiño, Corrubedo, Palmeira, Malpica, Muros, Portosín e Porto do Son.
  • Portos de Galicia avanza así no seu compromiso de abrir máis zonas mediante a colaboración cos Gobernos locais fixando un control e vixilancia desta actividade vinculada unicamente co ocio veciñal e totalmente allea á operativa portuaria.
  • O ente público anima ao resto de Concellos que presentaron alegacións á normativa a sumarse a esta vía para poder autorizar esta práctica nas dársenas dos seus municipios.
  • A regulación aprobada polo Executivo galego o verán pasado permitiu levantar total ou parcialmente a prohibición da pesca recreativa en superficie que rexía desde os anos 70 en todos os portos.

 

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2022.- A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, asinou hoxe cos alcaldes de Cervo, Malpica, Muros, Porto do Son e Ribeira os convenios de colaboración para o control da pesca recreativa nos seus peiraos que permiten ampliar os horarios e zonas autorizadas para esta práctica nos portos dos cinco concellos.

Deste xeito formalízase o compromiso de abrir máis zonas á actividade mediante a colaboración institucional e minimizando riscos ao igual que se fai noutras actividades de ocio efectuadas nos portos. Os acordos permiten establecer un control e vixilancia por parte dos Gobernos locais dunha actividade vinculada unicamente co lecer dos veciños e allea por completo á operativa portuaria.

O ente público salienta que esta fórmula é a máis axeitada para ampliar as zonas e minimizar os riscos -tanto dos afeccionados como dos profesionais dos portos- e anima ao resto de concellos do litoral a sumarse a esta posibilidade para poder avanzar na autorización da pesca de lecer coas maiores garantías para os pescadores e a actividade portuaria. De feito, lembra que os concellos apoiaron activamente ampliar zonas, polo que teñen nesta vía unha opción para obter resposta ás súas demandas.

Portos de Galicia incide ademais en que a normativa que regula esta práctica é viva e considera factible abrir novas áreas para a práctica da pesca recreativa en superficie en máis dunha vintena de portos de titularidade autonómica se existe colaboración cos concellos para o auxilio e control da actividade. Os convenios asinados hoxe permiten facelo en San Cibrao, Aguiño, Corrubedo, Palmeira, Malpica, Muros, Portosín e Porto do Son, aos que se poderían sumar -en caso de recibir o apoio dos Gobernos locais correspondentes- A Pobra do Caramiñal, Bueu, Burela, Cabo de Cruz, Caión, Camariñas, Camelle, Cariño, Castiñeiras, Escarabote, Moaña, O Xufre, Rianxo, Ribadeo, Sada, Santa Cristina, Tragove e Viveiro.

O ente público avanza así na regulación aprobada o pasado verán e que permitiu levantar total ou parcialmente a prohibición da práctica da pesca recreativa en superficie que rexía desde os anos 70 en todos os portos. A finalidade é dar garantías aos pescadores recreativos regularizando a actividade e por iso nos últimos meses se introduciron melloras como a ampliación de zonas e horarios así como outras de carácter xeral.