Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de galicia autoriza desde hoxe a ocupación das novas prazas de pantalán para mexilloeiros en cabo de cruz, boiro

  • O ente público realizou esta mañá a recepción dos pantaláns e iniciou a posta a disposición do sector das 100 prazas de amarre creadas

 

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2020.-  Portos de Galicia, vén de formalizar a recepción dos pantaláns e dun dique de abrigo aboiante para embarcacións de acuicultura no porto de Cabo de Cruz, no municipio coruñés de Boiro. A presidenta do ente público, Susana Lenguas, reuniuse esta mañá na propia dársena boirense cos representantes das asociacións mexilloeiras da zona para asistir á posta á súa disposición das novas prazas de amarre.

En total son 100 atraques para armadores de cuarta lista -que se suman aos case 500 distribuídos ao longo do sistema portuario autonómico- que veñen de ser habilitados con esta actuación e que están xa a ser ocupados pola frota de acuicultura con esloras comprendidas entre os 14 e os 22 metros.

As obras consistiron fundamentalmente na instalación de pantaláns de formigón armado con núcleo de flotación de poliuretano expandido e fingers de aluminio para o atraque de embarcacións cun francobordo de 90 centímetros que facilita o acceso ás embarcacións.

Como solución á axitación da dársena, a liña exterior de atraque, orientada á bocana, está constituída por módulos de dique aboiante que realizan á vez a función de protección das novas instalacións fronte á ondada de vento e serve de amarre ás embarcacións pola súa cara interna. Nas vindeiras semanas desenvolveranse as actuacións parciais pendentes consistentes na instalación do control de accesos e as torretas de subministros.

A Consellería do Mar, promotora das obras a través de Portos de Galicia, investiu nesta actuación cinco millóns de euros. Con esta obra, que comezou a finais do primeiro trimestre de 2019, vese substancialmente mellorada a seguridade para os profesionais e a frota mexilloeira así como as condicións de traballo do sector.