Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de Galicia avanza nos estudos para o deseño da proposta de novos puntos de depósito de material dragado para o litoral sur de galicia

  • Portos de Galicia organizou unha xornada técnica na que participaron diversos departamentos da Administración autonómica e do Goberno central para afondar no coñecemento sobre o comportamento de especies protexidas como os cetáceos, un dos condicionantes para a habilitación de zonas de depósito.
  • Técnicos do ente público, das autoridades portuarias da provincia de Pontevedra e representantes do sector pesqueiro analizaron hoxe mesmo esta cuestión co obxectivo de dar as máximas garantías medioambientais e produtivas.

 

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2022.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a avanzar nos estudos técnicos necesarios para elaborar a proposta de novos puntos de depósito para o material extraído das obras de dragaxe na franxa sur do litoral da comunidade, desde Muros ata A Guarda. Este traballo permitirá dar resposta ao requirimento do Ministerio de Transición Ecolóxica que instou á Xunta a presentar un estudo de alternativas ao punto de depósito autorizado polo Goberno central durante as últimas décadas no exterior da contorna de Sálvora e que foi clausurado á espera de ditas propostas.

Portos de Galicia vén traballando desde que recibiu este requirimento -en abril de 2021- nos estudos previos necesarios para identificar os posibles puntos alternativos, facendo fincapé no coñecemento dos condicionantes que permiten habilitar ou non unha determinada zona para ditos depósitos. Entre estes condicionantes atópanse, por exemplo, as garantías para as especies protexidas e a biodiversidade, os caladoiros, polígonos de bateas, zonas de produción de moluscos ou outros relativos á dispersión dos materiais.

 

Para afondar no coñecemento exhaustivo de factores relacionados coa biodiversidade, Portos de Galicia organizou a semana pasada unha xornada técnica coa participación de diversos departamentos da Administración autonómica, tanto da Consellería de Mar como da de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, así como do Goberno central, entre elas as direccións xerais de Biodiversidade e de Costas do Estado.

Neste encontro abordouse o comportamento dos cetáceos como especie protexida e a súa aplicación a unha xestión sostible do litoral. Esta iniciativa enmárcase dentro do servizo para a redacción de estudos ambientais e de proxectos de dragaxe de Portos de Galicia e foi organizada en colaboración co instituto BDRI (Bottlenose Dolphin Research Institute) do Grove.

A maiores, hoxe mesmo técnicos do ente público mantiveron un encontro por videoconferencia con representantes das autoridades portuarias de Marín-Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Vigo para expoñer o resultado da análise preliminar de novos puntos de depósito dos materiais das dragaxes.

Nesa xuntanza, na que tamén participaron representantes de distintas asociacións de armadores, organizacións de produtores pesqueiros e confrarías de pescadores, incidiuse na importancia da colaboración da frota para estudar a posible interacción coa actividade extractiva e que as opcións elixidas finalmente conten coas necesarias garantías medioambientais e produtivas. De feito, a finalidade última das tarefas que se están a realizar é que os distintos profesionais fagan aportacións para dar as máximas garantías a todo o proceso.