Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de Galicia baseará o deseño de alternativas para a mellora da seguridade na dársena de Malpica en estudos pioneiros sobre onda longa e resonancia

A presidenta de Portos de Galicia respondeu a unha pregunta parlamentaria en Comisión 8ª en relación coas actuacións previstas para o peirao malpicán.

 

  • Susana Lenguas trasladou aos grupos parlamentarios as conclusións da toma de datos realizada durante os dous últimos invernos e que revelan as condicións extremas do porto a causa, en parte, deste fenómeno pouco coñecido ata o momento.

 

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2023.- A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, respondeu esta mañá a unha pregunta parlamentaria na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo en relación coa actuación de mellora das condicións de operatividade do porto de Malpica. Susana Lenguas deu conta ante os grupos parlamentarios das circunstancias que enmarcan as actuacións neste porto e dos avances técnicos acadados ata o momento no proxecto de mellora da operatividade da dársena.

A presidenta de Portos incidiu na excepcionalidade do porto de Malpica en canto ás condicións de extrema exposición que xeran un efecto de resonancia pouco coñecido en Galicia e no Cantábrico. Neste sentido, subliñou que as propostas que está a analizar o ente público para deseñar un estudo de alternativas que permitan mellorar a seguridade no interior da dársena malpicá deben basearse nos resultados de traballos pioneiros de medición de onda longa e resonancia. Trátase dunha problemática tradicionalmente pouco coñecida e polo tanto pouco analizada e na que Portos de Galicia está a afondar.

Ademais Susana Lenguas deu conta dos resultados da instrumentalización realizada no interior e no exterior do porto, datos necesarios para coñecer a propagación da onda longa e ondada e, en consecuencia, o comportamento e posibles solucións de cara a minorar os efectos da comporta da dársena interior. Explicou que os estudos formulan diversas modificacións da configuración portuaria actual e que veñen de ser analizados con detalle cos representantes da confraría coa fin de consensuar as liñas de actuación nas que Portos de Galicia traballa.

 

Finalmente, lembrou que o obxectivo do ente público é buscar unha solución sostible, que responda na maior medida posible ás necesidades que se formulan para o porto de Malpica, procurando novas configuracións.