Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de Galicia e o Concello de Mañón coordinan a planificación da dragaxe no barqueiro

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2021.-  A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, recibiu esta mañá ao alcalde do municipio coruñés de Mañón e parte do seu equipo de goberno, xunto co patrón maior da confraría de pescadores da localidade e representantes do sector profesional que desenvolven a súa actividade na zona. O encontro de traballo permitiu revisar as necesidades portuarias da localidade e a dragaxe que o ente público está a planificar no porto do Barqueiro.

A presidenta de Portos explicou a tramitación desta obra, que como todas as actuacións de dragaxe requiren dunha exhaustiva tramitación ambiental e reiterou que desde o ente público se está a traballar para facer realidade esta demanda dos usuarios portuarios de Mañón. Ademais consensuouse coas profesionais presentes e os representantes municipais as zonas de maior necesidade de recuperación de calado. Finalmente, o alcalde interesouse tamén polas bonificacións e exencións que Portos de Galicia está a aplicar ao longo de todo o ano 2021 sobre as tarifas da hostalería por mor da crise derivada da covid-19.