Publicador de contidos
PORTOS DE GALICIA E O CONCELLO DE MOAÑA ACORDAN A PROPOSTA PARA A REVERSIÓN AO ESTADO DE TERREOS INNECESARIOS NO PEIRAO
- O presidente do ente público reuniuse coa alcaldesa para avaliar a proposta de devolve ao Estado a zona do Barrio do Vaticano e no seu caso trasladarse ao Concello en base aos criterios técnicos consensuados coa FEGAMP.
- O ente público investirá 115.000 euros na renovación das luminarias por tecnoloxía LED co obxectivo de acadar un aforro enerxético do 60%.
Santiago de Compostela, 28 de maio de 2025.- Portos de Galicia e o Concello de Moaña, acordaron esta mañá a proposta definitiva para a reversión ao Estado dos terreos declarados innecesarios para a actividade portuaria no municipio. Así quedou de manifesto na reunión celebrada entre o presidente do ente público, José Antonio Álvarez, e a alcaldesa moañesa na sede do organismo portuario.
No encontro de traballo ambas administracións consensuaron a delimitación do solo susceptible de volver á titularidade da Administración Xeral do Estado para que esta o transfira á entidade local dado o seu uso veciñal, de carácter público, e non restrinxido á actividade portuaria. A proposta acordada baséase en criterios estritamente técnicos que foron ratificados previamente polo conselleiro do Mar coa Fegamp.
En concreto, no caso do porto de Moaña os terreos situados actualmente en dominio público portuario que a Xunta de Galicia proporá devolver ao Estado para a súa posterior transferencia ao Concello correspóndense co Barrio do Vaticano, entre a antiga estación marítima e o edificio do pósito.
A reunión co Concello de Moaña dá continuidade á celebrada días atrás cos de Mugardos, O Grove, Poio, Rianxo, Laxe, Vilagarcía e A Illa de Arousa, dentro da segunda fase do procedemento de reversións, logo de que a Xunta remitise no mes de abril a Costas do Estado a declaración de innecesariedade dos terreos dos 10 portos que se incluíron na primeira fase. Tras a ratificación polo Consello Reitor, a proposta trasládase á Consellería de Facenda para a súa elevación ao Consello da Xunta. Unha vez aprobadas polo Executivo galego, remitiranse ao Ministerio de Transición Ecolóxica para a súa tramitación e, no seu caso, aprobación final.
Outras actuacións
Durante a reunión de traballo ambos mandatarios abordaron tamén outras actuacións previstas para as instalacións portuarias do municipio. Así, o presidente de Portos informou á alcaldesa de que o ente público executará no mes de xuño a renovación das luminarias portuarias con tecnoloxía LED con control telemático. Esta actuación, na que Portos investirá 115.000 euros, permitirá un aforro enerxético do 60%.
Así mesmo, o presidente trasladou que con carácter inminente darán comezo os traballos de rehabilitación e mellora do peirao da Mosqueira, cun investimento do ente público de 650.000 euros. Pola súa parte, as obras de remodelación do edificio sede da Sociedade Deportiva Tirán, orzamentados en 330.000 euros, iniciaranse en canto remate a actividade estival do club a finais do verán, por petición da entidade deportiva.