Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de Galicia e o Concello de Poio coordinan actuacións de mellora para os peiraos do municipio

Reunión cos representantes do Concello de PoioSantiago de Compostela, 12 de abril de 2021.-  Portos de Galicia e o Concello de Poio traballan de xeito coordinado no deseño de actuacións de mellora para os peiraos do municipio pontevedrés. Con este obxectivo a presidenta do ente público, Susana Lenguas, reuniuse esta mañá co alcalde e varios concelleiros de Poio nunha xuntanza de traballo na sede do organismo portuario. No encontro ambas partes avanzaron no acordo dun convenio regulador do tráfico rodado e os aparcadoiros nos peiraos de Raxó, Covelo e Combarro.

Tamén marcaron a liña de traballo de cara á posta en valor do porto de Raxó, para a que o ente público contará cunha asistencia técnica que desenvolverá a mellora en superficie, mentres que o Concello se ocupará das necesidades para os servizos. Deste xeito darase cumprimento ao acordo parlamentario aprobado por unanimidade para este fin. Finalmente, durante o encontro abordáronse ademais as alternativas posibles para a ampliación de espazos en terra destinados a deportes náuticos no porto de Combarro.