Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de Galicia e o Concello de Ribeira asinan un convenio de colaboración para a conservación das obras de remodelación do peirao de Palmeira

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2021.- A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, asinaron esta semana un convenio de colaboración entre ambas administracións para a conservación, mantemento e reparación das actuacións de mellora da mobilidade e a accesibilidade que o organismo portuario, dependente da Consellería do Mar, ten previstas no peirao de Palmeira.

Portos de Galicia contempla nos seus orzamentos para 2022 unha partida de máis de 300.000 euros para un proxecto plurianual orzamentado en preto de 900.000 euros de  mellora da mobilidade e accesibilidade no porto de Palmeira.

Esta remodelación permitirá renovar os materiais da urbanización do conxunto da zona, ampliar o espazo peonil, dotar o porto de zona de estancia e vista ao mar con bancada, instalar pasos de peóns elevados e mellorar a mobilidade cunha mellor regulación do tránsito rodado.

En virtude do acordo asinado, o Concello de Ribeira, que participou neste proxecto desde a súa orixe elaborando a proposta de reordenación na que se basea o proxecto da obra, será o encargado do seu mantemento unha vez rematados os traballos. Con carácter previo ao inicio desta obra, nos vindeiros días Portos de Galicia procederá a executar unha actuación menor de ordenación do tráfico na zona.