Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de Galicia inicia as obras de pavimentación do bordo portuario de Muxía

  • A actuación conta cun investimento de 50.000 euros e reforza a seguridade e funcionalidade da zona de tránsito peonil.

Muxía (A Coruña), 3 de febreiro de 2021.-  A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de iniciar as obras de pavimentación do bordo portuario de Muxía. A actuación deu comezo cos traballos previos esta mesma mañá e conta cun prazo de execución previsto de dous meses.

Os traballos, solicitados polos propios usuarios do porto e a confraría de pescadores nos encontros mantidos coa presidenta do ente público, Susana Lenguas, consisten na substitución do actual pavimento de madeira, que se atopa deteriorado pola acción da auga salgada, por un novo en formigón, de maior resistencia e máis duradeiro.

Portos de Galicia investirá 50.000 euros nesta actuación, que reduce o risco para os peóns que circulan por esta zona e devolve a funcionalidade a este tramo de solo portuario. Ademais, o novo pavimento de formigón presentará maior resistencia a factores ambientais, reducindo os custos de mantemento.

As obras consisten na desmontaxe e retirada das táboas actuais e a pavimentación con formigón desactivado formando cuadrícula delimitada por liñas de enlousado de granito. Deste xeito mantense a integración estética co conxunto do bordo portuario, que foi remodelado en 2004.