Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de Galicia investirá máis de 250.000 euros en distintas melloras nas dársenas de Cambados.

A presidenta de Portos de Galicia reuniuse hoxe con representantes da confraría de pescadores de Cambados para analizar as necesidades do sector da zona.

 

  • Susana Lenguas explicou á confraría local que a Consellería do Mar destinará arredor de 180.000 euros á renovación do pavimento dos pantaláns dos peiraos cambadeses con madeira sintética para mellorar a seguridade e a actividade nestas instalacións.
  • Esta actuación enmárcase nun proxecto construtivo conxunto do que se beneficiarán outros nove portos galegos e que está en proceso de licitación por importe de máis de 1,2 millóns de euros.
  • Ademais a presidenta de Portos expuxo que o ente público destinará 80.000 euros á instalación de novas defensas no porto de Tragove.
  • As partes tamén analizaron o proxecto construtivo da lonxa, que está na fase final de redacción e busca aumentar o espazo destinado ás poxas así como outras dependencias de uso dos profesionais do sector.

 

Cambados (Pontevedra), 19 de xullo de 2022.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investirá máis de 250.000 euros en distintas melloras nas dársenas de Cambados. Nestas actuacións inclúese a renovación do pavimento dos pantaláns dos peiraos cambadeses con madeira sintética para mellorar a seguridade e a actividade nestas instalacións. A elas o ente público destina arredor de 180.000 euros e busca mellorar a seguridade e as condicións de traballo dos profesionais que desenvolven a súa actividade nos portos.

Así o expuxo esta mañá a presidenta do ente público, Susana Lenguas, nunha xuntanza cos representantes da confraría de pescadores de Cambados para analizar as necesidades do sector da zona en relación coas instalacións portuarias.

Esta mellora enmárcase nun proxecto construtivo conxunto do que se beneficiarán outros nove portos galegos -Baiona, Cesantes, Moaña, Cangas, Bueu, Porto do Son, Rianxo, O Xufre (na Illa de Arousa) e Vilaxoán- que está en proceso de tramitación da contratación por un importe de licitación de máis de 1,2 millóns de euros. O obxectivo dos traballos é substituír o pavimento actual dos pantaláns por madeira tecnolóxica que evite os esvaróns, reduza os custos de mantemento, aumente a súa duración e evite outros danos derivados da degradación.

Outra actuación prevista no peirao de Tragove, á que tamén fixeron referencia na reunión, é a instalación de novas defensas verticais de caucho cun investimento de 80.000 euros. A presidenta de Portos e os representantes da confraría analizaron o proxecto construtivo de ampliación da lonxa de Tragove, que está en fase final de redacción. En relación a esta actuación puxeron de relevo que o obxectivo fundamental é aumentar o espazo destinado ás poxas e habilitar novas superficies para frío, lavado de caixas e outras dependencias de uso dos profesionais da lonxa.