Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de Galicia investirá máis de 300.000 euros na renovación do pavimento dos pantaláns mexilloeiros do porto de Rianxo.

  • Os traballos consistirán na substitución do actual por madeira sintética e realizaranse atendendo a criterios relacionados coa mellora continua da seguridade optimizando o desenvolvemento da actividade nestas instalacións portuarias.
  • Esta mellora enmárcase nun proxecto construtivo conxunto do que se beneficiarán outros nove portos galegos e que está en proceso de licitación por importe de máis de 1,2 millóns de euros.

 

Rianxo (A Coruña), 7 de xullo de 2022.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investirá 310.000 euros nas obras de renovación do pavimento dos pantaláns mexilloeiros do porto de Rianxo co obxectivo de mellorar a seguridade e as condicións de traballo dos profesionais que desenvolven a súa actividade nestas instalacións. Así o anunciou esta mañá a presidenta do ente público, Susana Lenguas, durante unha visita á localidade para comprobar outras actuacións desenvolvidas polo ente público no peirao e na que mantivo un encontro con representantes do sector profesional da zona.

Esta mellora enmárcase nun proxecto construtivo conxunto do que se beneficiarán outros nove portos galegos -Baiona, Cesantes, Moaña, Cangas, Bueu, Porto do Son, Tragove (en Cambados), O Xufre (na Illa de Arousa) e Vilaxoán- que está en proceso de licitación por un importe de máis de 1,2 millóns de euros.

O obxectivo dos traballos é substituír o pavimento actual dos pantaláns por madeira tecnolóxica que evite os esvaróns, reduza os custos de mantemento, aumente a súa duración e evite outros danos derivados da degradación. A maiores, realizaranse actuacións puntuais para mellorar a seguridade dos usuarios e das propias instalacións.

Un porto funcional e accesible

A renovación do pavimento sumarase a outras melloras xa realizadas nos últimos meses pola Xunta de Galicia no porto de Rianxo co obxectivo de modernizar as instalacións e darlles maior seguridade e a accesibilidade. Así, levouse a cabo a renovación e ampliación do pantalán de profesionais de 3ª lista coa instalación de 77 novos fingers que habilitan máis de 170 prazas de amarre, implantáronse novos pilotes, escaleiras abatibles e unha baliza ao final do pantalán, así como un novo sistema de apertura das portas e torres intelixentes de subministración de enerxía, cun investimento total próximo aos 250.000 euros.

A estas actuacións engádense as obras de construción de 24 novos departamentos para usuarios do sector profesional deste porto, iniciadas o ano pasado e cun investimento público de dous millóns de euros.