Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de Galicia inviste 90.000 euros en ordenar o tráfico, pavimentar e ampliar a área de estacionamento na contorna da lonxa de Barallobre, en Fene

  • A presidenta de Portos de Galicia visitou as obras, que están en execución e se prevé que rematen o vindeiro mes.

 

Fene (A Coruña), 24 de marzo de 2023.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a executar obras de urbanización, pavimentación e ordenación viaria da contorna do edificio da lonxa de Barallobre, no municipio coruñés de Fene. A presidenta do ente público, Susana Lenguas, visitou esta mañá os traballos, nos que o seu departamento está a investir 90.000 euros.

O obxectivo das actuacións é ordenar o tráfico existente, pavimentando diversas superficies para maior seguridade da circulación rodada, e ampliar as zonas de estacionamento para os usuarios portuarios. Deste xeito favorécese a circulación e minimízanse as interferencias coa operativa de carga e descarga da lonxa.

Ademais conéctanse á rede de saneamento do centro de poxas as augas de baldeo e paviméntase a chancela de traballo con formigón armado fronte ao edificio da lonxa, limitando o seu acceso con morróns de fundición. A obra inclúe, ademais, elementos de urbanización como bordos, arquetas, sumidoiros e canalizacións así como distintas suxeicións para contedores.

Os traballos de mellora da circulación na contorna da lonxa complétanse coa correspondente sinalización horizontal e vertical. A previsión é que as obras estean rematadas o vindeiro mes.

Estes traballos súmanse a outras actuacións de envergadura executadas por Portos de Galicia para mellorar as instalacións do porto de Barallobre, no que nos últimos tres exercicios o ente público investiu máis de 350.000 euros. Entre elas están a ampliación da lonxa, a renovación do pavimento dos pantaláns e distintas melloras no dique flotante.