Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de galicia inviste máis de 240.000 euros na mellora dos pantaláns do peirao de pontedeume

  • O ente dependente da Consellería do Mar proxecta dotar de máis prazas de amarre tanto a liña de pesqueiros como a de recreo e construír unha nova instalación para actividades de remo

 

Pontedeume (A Coruña), 19 de outubro de 2020.-  A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investirá más de 240.000 euros na mellora dos pantaláns do peirao do municipio coruñés de Pontedeume. Así o trasladou esta mañá a presidenta do ente público, Susana Lenguas, nunha visita á zona na que estivo acompañada por representantes do sector e municipais.

Estas obras enmárcanse nun proxecto de mellora de pantaláns en oito peiraos da provincia da Coruña -Corme, Fisterra, O Freixo, Muros, Miño, Betanzos, Corcubión e Pontedeume- que o ente público está a licitar conxuntamente por importe de 1,5 millóns de euros. En todos os casos, as obras consistirán na reforma e mellora das instalacións e estruturas aboiantes que ou ben presentaban deficiencias derivadas do seu uso ou ben é necesaria a súa ampliación.

No caso de Pontedeume, os traballos inclúen a ampliación de prazas de amarre tanto no pantalán profesional como no recreativo e faranse tamén tarefas de mantemento como a limpeza de flotadores e o chorreado e pintado dos pilotes. Ademais instalaranse novas cornamusas e sistemas de control de acceso aos pantaláns ao tempo que se eliminará o tren de fondeo actual por novos fingers.

No caso do pantalán pesqueiro instalarase un módulo de doce por dous metros que permitirá obter 12 prazas de amarre e nos pantaláns de náutica de recreo obteranse 53 prazas de 6x2,5etros, cinco de 6x3 metros e 13 de 8x3,5 metros. Tamén se instalará un novo pantalán para a actividade de remo que contará cun módulo de 12x3 metros e unha pasarela de acceso de 12x2 metros.

Na súa visita a Pontedeume Susana Lenguas anunciou tamén que Portos de Galicia ten en licitación un servicio de redacción de proxectos ambientais e de dragaxe no que se inclúen os estudos para a dragaxe deste peirao coruñés. Esta actuación dará resposta ás necesidades trasladadas ao ente público polo sector en recentes reunións de traballo.