Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de Galicia inviste preto de 285.000 euros nos traballos de urbanización da contorna dos departamentos do peirao de Ortigueira

  • A presidenta de Portos de Galicia e a delegada territorial do Executivo galego en Ferrol visitaron a localidade para comprobar o estado das obras, que inclúen a substitución de pavimentos que melloran o tráfico rodado e a mobilidade peonil así como a renovación de servizos urbanos.

 

Ortigueira (A Coruña), 6 de xullo de 2022.- A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitaron hoxe Ortigueira para supervisar os traballos de urbanización da contorna dos departamentos de usuarios do peirao da localidade, unha actuación na que a Xunta de Galicia inviste preto de 285.000 euros.  

As obras dan resposta á necesidade de acondicionar a rede de saneamento e drenaxe do porto, así como a mellora da iluminación e a renovación dos firmes. O maior investimento céntrase na substitución de pavimentos empregando solados de lousas de formigón, formigón desactivado e formigón pulido así como calzadas de formigón bituminoso e zonas axardinadas. Ademais, as actuacións favorecerán a mobilidade peonil entre o parque do Malecón e as beirarrúas existentes na contorna do cemiterio municipal.

Os traballos tamén servirán para renovar os servizos urbanos mediante o desmontado do alumeado público existente e a instalación de cable aéreo así como a execución de novas redes de saneamento, pluviais, baixa tensión e rego automático nos xardíns.

Susana Lenguas tamén explicou durante a visita, na que estiveron distintos representantes municipais, que o ente público segue a realizar os trámites previos necesarios para acometer a dragaxe do porto de Espasante. Esta actuación presenta unha especial complexidade na súa tramitación ambiental dada a protección existente na contorna e as especiais características xeoquímicas que presenta con carácter xeral o sedimento da zona de cabo Ortegal.