Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de Galicia inviste preto de medio millón de euros na dragaxe da dársena de Carril

  • A presidenta de Portos de Galicia e o patrón maior da localidade vilagarciá mantiveron un encontro institucional para avaliar o desenvolvemento desta actuación e das obras de remodelación do edificio da lonxa
  • O Executivo galego apoia con máis de 270.000 euros o acondicionamento da lonxa de Carril e a adquisición dun guindastre móbil e un carro varadoiro no marco da convocatoria de axudas deste ano destinada a proxectos colectivos para a modernización dos portos pesqueiros, lonxas e lugares de desembarque de produtos do mar

 

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2021.- Portos de Galicia, inviste máis de 475.000 euros nas obras de dragaxe da dársena de Carril, no municipio de Vilagarcía de Arousa. A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas subliñou a importancia deste investimento nunha reunión institucional mantida esta mañá co patrón maior da confraría de Carril na que ambas entidades avaliaron o desenvolvemento dos proxectos en execución na localidade.

Portos de Galicia iniciou o pasado mes de xullo as obras de dragaxe das dúas dársenas de Carril. O obxectivo dos traballos é recuperar o calado na zona ata a cota -2 no caso da dársena sur e ata a cota 0 na norte. En total actuarase nunha superficie de preto de 17.000 metros cadrados.

Con estas obras, Portos de Galicia pretende devolver á dársena maior operatividade a través da recuperación do calado para a entrada e saída da frota. Ademais, parte dos áridos extraídos serán empregados para usos produtivos e en concreto para a rexeneración dos bancos marisqueiros da zona.

A presidenta de Portos de Galicia tamén lembrou durante a visita que o ente público vén de outorgar á confraría unha modificación da concesión do edificio da lonxa para a súa ampliación. A Consellería do Mar apoia este proxecto da confraría de Carril cunha subvención de preto de 170.000 euros, a totalidade do importe solicitado.

A Xunta financia esta actuación no marco da convocatoria de axudas deste ano destinada a proxectos colectivos para a modernización dos portos pesqueiros, lonxas e lugares de desembarque de produtos do mar. Este acondicionamento interior e de redistribución da planta superior do edificio da lonxa consistirá na habilitación de aulas de formación, unha central de videovixilancia dos parques de bivalvos, as oficinas para a confraría, un almacén de material para a lonxa e aseos.

Dentro desta convocatoria a confraría de Carril tamén obtivo dúas achegas para a adquisición de equipamentos, unha de 94.600 euros para a compra dun guindastre móbil e outra de 9.500 euros para un carro varadoiro. Estes tres apoios suman máis de 270.000 euros e contribúen a realizar actuacións que facilitan e melloran as condicións de traballo do sector e impulsar a súa competitividade.