Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de Galicia outorga á confraría de aguiño unha concesión para a explotación da nave de redes con bonificación do 95% das taxas

  • O Ente Público inviste ademais 60.000 euros na reparación dos piares e a cuberta do edificio.

Santiago, 20 de xuño de 2024.- Portos de Galicia vén de outorgar unha concesión administrativa a favor da Confraría de Pescadores de Aguiño, no municipio coruñés de Ribeira, para a ocupación e xestión da nave de redes, de titularidade do ente público. A concesión contempla un período de vixencia de 10 anos prorrogables noutros 5.  

O título administrativo contemplará a aplicación do artigo 40 da Lei de Taxas de Portos de Galicia para a exención do 95% das taxas por ocupación de edificios de naves de redes cando presten servizos xerais aos usuarios do porto. Por este motivo, a confraría abonará 1.000 euros anuais polo uso dos máis de 2.300 metros de superficie do edificio.

Ademais Portos de Galicia vén de iniciar esta mesma semana obras de mantemento da nave. En concreto o ente público está a actuar sobre os piares que precisaban reparación e parcialmente na cuberta para evitar filtracións de auga ao interior. O investimento nesta actuación é de máis de 60.000 euros.