Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de Galicia presenta o proxecto de adecuación e humanización do acceso ao porto de Raxó

  • A presidenta de Portos de Galicia e o delegado territorial de Pontevedra deron a coñecer ao Concello de Poio, á confraría e aos colectivos implicados a proposta técnica en cuxa redacción o organismo portuario vén de investir 18.000 euros
  • O proxecto pretende humanizar a vía con criterios máis amables para os peóns e inclúe a instalación das redes de servizos municipais polo que a súa execución está vencellada ao acordo co Concello

 

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2022.- A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, presentaron esta mañá ao Concello de Poio, á Confraría e ás entidades locais o proxecto de adecuación da superficie de acceso ao porto de Raxó. Deste xeito o ente público dá cumprimento ao compromiso acadado coas partes con anterioridade.

Nunha reunión celebrada na sede da delegación na capital pontevedresa, os representantes do Executivo autonómico deron a coñecer o contido do proxecto que Portos de Galicia acaba de redactar cun investimento de 18.000 euros e cuxa execución está vencellada ao acordo co Concello.

O obxectivo último deste proxecto, orzamentado en 630.000 euros, pasa por reordenar a circulación peonil e rodada na vía de acceso ao porto de Raxó e redistribuír os espazos. A proposta pretende humanizar a vía, con criterios máis amables para os peóns e inclúe a rede de instalación de servizos urbanos, tal como comprometera o ente público nas súas diversas reunións cos representantes municipais de Poio.

Entre as accións concretas que se recollen no proxecto de ordenación de usos na vía de acceso ao porto de Raxó figura a nova distribución do espazo viario a través da construción dunha nova plataforma única de circulación con prioridade peonil. Ademais, renovarase a capa de rodadura na baixada ao porto, no tramo inicial da vía actual.

O proxecto inclúe tamén o aumento da calidade do espazo, mediante a colocación de novo mobiliario urbano. Prevese a colocación dun banco lineal de 93 metros de lonxitude, ademais de varandas e papeleiras. Así mesmo, recolle a mellora da eficiencia e estética da rede de alumeado, así como a rede de abastecemento, pluviais e fecais e reforzarase a sinalización.