Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de Galicia presenta o proxecto de rehabilitación da lonxa de campelo ás confrarías que traballan no inmoble

  • A presidenta de Portos de Galicia trasladou ás directivas das entidades de Pontevedra, Raxó e Lourizán e ao presidente da federación provincial que a licitación das obras se atopa xa na fase final.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2022.- A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, mantivo unha reunión de traballo cos patróns maiores das confrarías de pescadores de Pontevedra, Raxó e Lourizán, así como co presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra, para presentarlles o proxecto de renovación do edificio da lonxa na que as tres entidades desenvolven a súa actividade. Durante o encontro en Campelo, a responsable do ente dependente da Consellería do Mar informou aos representantes do sector profesional de que a licitación das obras da lonxa, por importe de 645.000 euros, se atopa xa na súa fase final.

O obxecto das obras proxectadas é acondicionar e ampliar a zona de uso administrativo e a distribución de espazos da zona de vendas existente para satisfacer as demandas dos usuarios e traballadores do edificio. De feito, os traballos pretenden dar resposta ás necesidades existentes nunha infraestrutura cunha importante actividade na que o ano pasado se descargaron preto de 500 toneladas de peixe fresco cun valor en primeira venda de 5,2 millóns de euros.

Para mellorar as condicións de actividade do edificio será necesaria a ampliación no extremo sueste, sobre a zona de acceso e do aparcadoiro. O esquema de uso mantense, quedando a zona de oficinas e acceso de público na planta baixa e as estancias destinadas a reunións na planta alta. Dótase dun forxado intermedio para o almacenamento de caixas e na planta baixa mantense a distribución cun corredor central como eixo que dá acceso ás oficinas ao tempo que se inclúe unha estancia de almacén vinculada directamente coa nave principal da lonxa.

 

Melloras na planta alta

En canto ás comunicacións verticais, a escaleira de caracol existente retirarase e a comunicación coa planta alta trasladarase á zona ampliada, onde se situará tamén un ascensor para garantir a accesibilidade a todo o edificio. Nesta nova zona ampliada situaranse os aseos públicos e un despacho. Na planta superior modificarase a cuberta para permitir un mellor aproveitamento e a entrada de luz natural e engadiranse unha sala de reunións, os aseos para o persoal, un pequeno almacén e un cuarto de instalacións con ventilación directa ao exterior.

A entrada ao edificio manterase no mesmo punto, a través dun acceso que ofrece protección da choiva e do sol mediante unha marquesiña. Finalmente, na zona da ampliación dedicada á depuradora efectuarase unha reforma executando un tabique de separación.