Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de Galicia remata as obras de dragaxe do peirao de pedras negras, no Grove

O Grove (Pontevedra), 3 de maio de 2022.- Portos de Galicia, vén de rematar as obras de dragaxe de rochas no porto de Pedras Negras, no municipio pontevedrés do Grove. Esta actuación permitiu a retirada de rochas que había nos fondos facilitando a navegación no acceso ao porto.

Esta actuación, centrada nunha pequena zona nas proximidades do pantalán deportivo, completa a executada polo ente público no ano 2016 para eliminar as rochas da canle de entrada á dársena. En concreto, coa dragaxe actual retiráronse 50 metros cúbicos de rocha da contorna do primeiro pantalán do porto.

Portos de Galicia investiu preto de 50.000 euros nesta actuación que permite maior operatividade portuaria ao facilitar a manobra de acceso aos pantaláns das embarcacións de maior calado en baixa mar, aportando maior seguridade á frota.