Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de Galicia remite ao Concello de Cambados a modificación do plan especial para a súa tramitación

  • A nova versión recolle as observacións presentadas polo Concello nos informes sectoriais, entre elas a proxección dunha nova praza de abastos

 

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2021.-  Portos de Galicia vén de remitir ao Concello de Cambados a nova versión dixital do Plan Especial de ordenación do porto de Santo Tomé-Tragove. Este documento é froito das condicións e observacións contidas nos informes sectoriais previos á aprobación inicial que foron remitidos ao ente público desde o propio Concello. Entre estas destaca a demanda municipal de adaptar o plan ás necesidades do mercado de abastos que se pretende construír.

No oficio de remisión da documentación ao Concello, Portos de Galicia solicita que a Administración local prosiga cos trámites necesarios cara á aprobación definitiva do plan especial portuario. A este respecto, o ente público lembra que a aprobación corresponde ao Concello.

Pola súa parte, Portos de Galicia leva traballando no Plan Especial de Cambados desde 2014 e ten elaborado xa tres versións previas á súa aprobación inicial para adaptar o texto ás sucesivas modificacións normativas, dado o tempo transcorrido. Co obxectivo de axilizar a entrada en vigor deste documento, o ente dependente da Consellería do Mar demanda ao Concello a máxima dilixencia para a súa aprobación.