Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de Galicia retira a embarcación ‘Pemeia’, que estaba inactiva no porto do Grove

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2021.- Portos de Galicia vén de retirar esta mañá a embarcación Pemeia da lámina de auga do porto do Grove, onde se atopaba en situación de inactividade desde hai catro anos. Dada esta situación, o ente público requirira aos propietarios a súa retirada sen éxito, o que motivou que Portos de Galicia iniciase o procedemento para o seu traslado forzoso do peirao.

O organismo autonómico logra con esta actuación, que conta cun orzamento de 18.000 euros, devolverlle operatividade e liña de atraque á zona do peirao pesqueiro grovense que ocupaba ata o momento este buque de grandes dimensións, con aproximadamente 24 metros de eslora.

A primeira hora desta mañá a empresa adxudicataria dos traballos procedeu a remolcar a embarcación para o seu traslado ata o porto de Tragove, en Cambados. Unha vez alí, izouna para a súa varada en terra, na zona próxima ao heliporto.