Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de Galicia solicita unidade aos grupos parlamentarios na defensa das competencias de Galicia en materia de litoral ante os continuos ataques do goberno estatal

A presidenta de Portos de Galicia respondeu unha pregunta na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo sobre o Plan Especial de Cambados

 

  • Susana Lenguas advirte da inxerencia xurídica que implica o informe do Ministerio para a Transición Ecolóxica sobre o Plan Especial de Cambados pois pretende aplicar a lei estatal de Costas no dominio público portuario transferido á comunidade autónoma
  • A presidenta do ente público lembra que esa interpretación pon en risco instalacións tradicionalmente asentadas en terreos portuarios como a acuicultura ou a depuración de produtos frescos do mar
  • O Executivo galego está a realizar as xestións pertinentes para contrarrestar ese ditame e promete unha reacción contundente na defensa dos intereses da cadea mar-industria de Galicia e do conxunto da comunidade

 

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2022.- A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, respondeu esta mañá unha pregunta parlamentaria na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo sobre as accións que está a desenvolver a Xunta de Galicia ante as obxeccións do Goberno central a preservar a actividade industrial no Plan Especial de Cambados, redactado polo ente público e que está a tramitar o Concello. A representante do Executivo galego solicitou na súa intervención a unidade dos grupos parlamentarios para defender as competencias de Galicia sobre o litoral e os intereses da cadea mar-industria da comunidade.

A presidenta de Portos de Galicia indicou que o informe emitido pola Dirección Xeral da Costa e do Mar do Ministerio para a Transición Ecolóxica supón unha inxerencia xurídica nas competencias transferidas ás comunidades autónomas e insistiu no risco que a actitude do Estado supón para a cadea mar-industria de Galicia e o conxunto da actividade portuaria, asentada no dominio público portuario. Susana Lenguas explicou que o informe ministerial pretende suplantar a Lei de Portos de Galicia pola Lei de Costas do Estado e comprometeu unha reacción contundente en defensa dos intereses da comunidade por parte da Xunta de Galicia.

Durante a súa intervención, enumerou as accións técnicas que Portos de Galicia está a desenvolver para responder ao informe de Costas co obxectivo irrenunciable de sacar adiante o Plan Especial de Cambados e defender as competencias de xestión e a aplicación da lei sectorial de Portos de Galicia.

Finalmente, lembrou que a Xunta de Galicia leva máis de tres anos alertando da inseguridade xurídica que están a xerar as interpretacións restritivas e desleais da normativa por parte do Goberno central o que pon en risco máis dun cento de empresas do complexo mar-industria e outras case 4.000 edificacións do litoral, así como actividades tradicionalmente portuarias como poden ser a acuicultura o a depuración de produtos frescos do mar.