Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de Galicia traslada ao Concello de Moaña que debe asinar un convenio para poder autorizar novas zonas de pesca recreativa

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2022.- A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, reiterou esta mañá ao Concello de Moaña a necesidade de adherirse ao modelo de convenio asinado pola Xunta con outros municipios para o control da pesca recreativa. Esa é a fórmula, expuxo, que permitiría desbloquear a situación na que se atopan os pescadores do concello e autorizar a apertura de novas zonas para esta práctica en superficie no dominio público portuario da localidade. Así llo trasladou a responsable do ente público á alcaldesa do concello pontevedrés e a representantes do colectivo de pescadores recreativos locais nunha reunión de traballo.

Susana Lenguas lembrou nesa xuntanza que son varios os municipios galegos -Porto do Son, Ribeira, A Laracha, Cervo, Malpica e Muros- que xa se sumaron sen ningún problema a este tipo de acordo co ánimo de ampliar áreas e minimizar riscos a través da colaboración institucional. A presidenta de Portos de Galicia subliñou que o convenio permite dar garantías aos pescadores recreativos, regularizando a actividade e comprometendo a participación municipal nas tarefas de vixilancia e control desta actividade, que é puramente veciñal e non portuaria. De feito, durante o encontro a representante do Executivo galego clarexou as dúbidas expostas polo Concello sobre as cláusulas desa fórmula para evitar erros ou interpretacións equivocadas.