Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de Galicia vén de reflotar a embarcación L´etel no peirao de Ribeira para o seu traslado e despezado

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2021.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de completar nas últimas horas a manobra de reflotación do buque pesqueiro L´Etel, afundido no porto de Ribeira en xaneiro de 2020. Así o comprobou a presidenta do ente público, Susana Lenguas, nunha visita esta mañá ao peirao comercial de Ribeira no que se atopa provisionalmente amarrada a embarcación tralo seu izado desde o fondo mariño.

Os seguintes labores serán a inspección do pecio e a extracción de todos o residuos contaminantes sólidos e líquidos, que se atopen a bordo do buque e a súa xestión por unha entidade autorizada. Despois procederase coa estabilización do buque para efectuar o seu remolque previa autorización de Capitanía Marítima.

O buque pesqueiro L´Etel afundiu no porto de Ribeira o 22 de xaneiro de 2020 a unha profundidade de seis metros en relación co nivel 0 do porto. A súa reflotación e retirada por parte de Portos de Galicia responde a razóns de seguridade e explotación portuaria ante a falta de resposta dos seus titulares, aos que Portos de Galicia instou a asumir a tarefa inicialmente por ser súa a responsabilidade.  O servizo total de reflotación e xestión dos restos do pesqueiro conta cun orzamento de 332.000 euros, que adiantará o organismo portuario.