Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos lembra a necesidade de subscribir un seguro que permita aos usuarios alleos á actividade portuaria practicar a pesca deportiva coa máxima seguridade

  • A formalización do seguro de responsabilidade civil é un requisito que abre a porta a que os pescadores deportivos poidan levar a cabo nos peiraos de Galicia unha actividade legalmente prohibida desde os anos 70 pola norma estatal
  • A Entidade Pública lembra que só no que vai deste ano perderon a vida seis persoas e varias resultaron feridas de gravidade por accidentes relacionados con actividades alleas á portuarias

Caña de pescarSantiago de Compostela, 16 de setembro de 2021.- Portos de Galicia lembra que a Administración autonómica, como titular da rede de portos autonómicos, ten a responsabilidade de advertir e minimizar os riscos que se poidan derivar de todas as actividades que se desenvolven en zonas portuaria e, polo tanto, da pesca de recreo en superficie que se vén de autorizar mediante resolución de Portos de Galicia que levanta unha prohibición estatal vixente desde os anos 70.

Como responsable subsidiario ante un posible accidente que poida afectar á integridade das persoas que se atopan en terreo portuario ou ás instalacións de titularidade da Xunta, Portos de Galicia esixe na autorización da pesca recreativa que vén de publicar, a formalización dun seguro por parte dos pescadores. Esta póliza deberá responder aos danos a terceiros ou posibles danos ao titular da mesma, cuxa cobertura queda así garantida, como é obriga da Administración pública.

Ante as manifestacións de rexeitamento desta esixencia, que argumentan que non se teñen avaliado os riscos da actividade da pesca deportiva, Portos de Galicia lembra que lamentablemente nos últimos meses seis persoas perderon a vida nos portos galegos e outras resultaron feridas de gravidade mentres realizaban esta e outras actividades non vencelladas coa operativa portuaria. Así mesmo, Portos de Galicia ten constancia de diversos danos ocasionados en distintos portos durante a franxa nocturna na que se practica a pesca de recreo. Ante ditos riscos constatados, o ente público considera imprescindible a formalización dun seguro para o desenvolvemento desta actividade.

O organismo dependente da Consellería do Mar lembra o importante paso que supón a publicación da resolución de Portos de Galicia sobre a pesca recreativa nos peiraos autonómicos pois autoriza e dá cobertura a esta práctica en 107 dos 122 portos galegos poñendo fin á prohibición que estaba vixente desde os anos 70.

Por este motivo, Portos de Galicia apela á responsabilidade de todas as partes implicadas e lembra  que a resolución publicada sobre esta actividade é froito do acordo acadado coas entidades representativas da pesca de lecer tras arredor dunha decena de reunións mantidas nos últimos meses.