Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

Galicia tece alianzas con outras comunidades autónomas para superar retos e garantir a vitalidade e a competitividade dos portos

  • Rosa Quintana defendeu a necesidade de que as administracións nacionais, autonómicas e locais faciliten o desenvolvemento de infraestruturas como as portuarias e eliminen trabas inxustificadas que limitan o seu crecemento.
  • Destacou a importancia deste encontro sobre xestión portuaria que lidera e acolle a comunidade galega para intercambiar ideas sobre os retos actuais dos distintos portos autonómicos e sumar esforzos para tratar de superalos.

 

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2023. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, fixo hoxe fincapé na necesidade de tecer alianzas entre comunidades autónomas para afrontar retos comúns e garantir a vitalidade e a competitividade dos portos. Este aspecto, salientou, é clave no contexto global marcado por desafíos como a pandemia, a guerra en Ucraína ou o encarecemento das materias primas e que fai máis necesario ca nunca que as administracións nacionais, autonómicas e locais faciliten o desenvolvemento de infraestruturas como as portuarias.

Así o sinalou durante a inauguración das Xornadas técnicas sobre xestión portuaria desde a perspectiva autonómica. Posta en común e sinerxías, organizadas pola Consellería do Mar a través de Portos de Galicia e onde estivo acompañada pola presidenta do ente público, Susana Lenguas. A titular de Mar tamén incidiu no valor dos portos como elemento fundamental para a creación de emprego e riqueza na contorna das vilas mariñeiras e nos que se desenvolven actividades relacionadas coa pesca e o marisqueo, a carga e descarga de mercadorías, as de pasaxe e as náutico-deportivas.

Nesta liña, incidiu en que é difícil entender “certos obstáculos inxustificados que interfiren nas competencias autonómicas e que socavan o futuro das empresas do complexo mar-industria, o primeiro interesado en desenvolver a súa actividade de forma sostible e respectuosa co medio ambiente”. De aí, expuxo, que Galicia tomase a iniciativa e traballe no desenvolvemento dunha nova lei de ordenación do litoral para definir as actividades que poden realizarse na costa. Faino, especificou a conselleira, para evitar obstáculos sen sentido e coa potestade que lle outorgan a Constitución e o Estatuto de Autonomía.

Rosa Quintana engadiu que a comunidade toma a iniciativa con este encontro de xestores portuarios autonómicos e puxo en valor a importancia destas xornadas para intercambiar ideas sobre cuestións como a aplicación da Lei de Costas, a declaración de innecesariedade do solo portuario, o servizo de practicaxe, a administración telemática ou a xestión de residuos portuarios, entre outras.

As xornadas

As Xornadas técnicas sobre xestión portuaria desde a perspectiva autonómica. Posta en común e sinerxías celébranse entre hoxe e mañá na Cidade da Cultura. O evento conta coa presenza de representantes das dez comunidades autónomas con competencias portuarias de toda España: Asturias, Cantabria, País Vasco, Cataluña, Baleares, Valencia, Murcia, Andalucía, Canarias e Galicia, que exerce como anfitrioa.

O obxectivo desta iniciativa é axilizar a comunicación entre os responsables da xestión portuaria autonómica dos distintos territorios para facilitar a posta en común dos principais eixos de traballo e retos na súa tarefa. Tamén compartir e optimizar o coñecemento adquirido por cada autonomía no desenvolvemento da súa actividade.