Publicador de contidos
Portos de galicia e o concello de bueu acordan a proposta para a reversión ao estado de terreos innecesarios para a actividade portuaria
- O presidente do ente público reuniuse co alcalde para avaliar a delimitación do solo susceptible de volver á titularidade do Estado e no seu caso trasladarse aos Concellos en base aos criterios técnicos consensuados coa FEGAMP.
- O solo afectado abrangue a zona de Banda do Río así como o paseo e praia de Pescadoira.
- O organismo autonómico mostrou a súa boa disposición a estudiar a instalación dunha nave para o club de remo a continuación do edificio do ISM e tramitará a autorización para a urbanización da contorna do acceso ao consistorio.
- A Xunta instalará unha marquesiña na parada de autobús, tal como demandan os veciños.
Santiago de Compostela, 22 de xaneiro e 2024.- Portos de Galicia e o Concello de Bueu acordaron esta mañá a proposta definitiva para a reversión ao Estado dos terreos declarados innecesarios para a actividade portuaria no municipio. Así quedou de manifesto na reunión celebrada esta mañá entre o presidente do ente público, José Antonio Álvarez, e o alcalde de Bueu.
No encontro de traballo ambas partes consensuaron a delimitación do solo susceptible de volver á titularidade da Administración Xeral do Estado para que esta o transfira no seu caso ao Concello de Bueu dado o seu uso veciñal, de carácter público, e non restrinxido á actividade portuaria. A proposta acordada baséase en criterios estritamente técnicos que foron ratificados coa Fegamp na recente reunión entre o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias.
En concreto no caso do porto de Bueu, os terreos situados actualmente en dominio público portuario que a Xunta de Galicia proporá devolver ao Estado para a súa posterior transferencia ao Concello abranguen a zona de Banda do Río e o paseo e praia de Pescadoira.
A reunión co Concello de Bueu dá continuidade ás celebradas xa cos concellos de Cambados, Ponteceso, Pobra do Caramiñal, Cangas, Vilanova de Arousa, Foz e a A Guarda, para abordar a tramitación da primeira fase de reversións de terreos innecesarios para o uso portuario á Administración Xeral do Estado. O obxectivo é pechar as propostas definitivas destes portos para trasladalas, xunto coa de Santa Cruz, en Oleiros, xa pechada dado que inclúe o total da superficie portuaria, á Consellería de Facenda, que a elevará a proposta conxunta desta primeira fase ao Consello da Xunta. Unha vez aprobada polo Executivo galego, remitirase ao Ministerio de Transición Ecolóxica para a súa tramitación e, no seu caso, aprobación final en Consello de Ministros.
Outras actuacións
No encontro de traballo o presidente de Portos de Galicia e o alcalde de Bueu abordaron tamén outras demandas municipais. Así o ente público mostrou a súa boa disposición a estudiar a posible ubicación dunha nave para o club de remo dando continuidade ao actual edificio do ISM. Así mesmo, tramitarase a autorización para urbanizar a contorna do acceso ao consistorio como primeira fase dun proxecto municipal máis amplo. Finalmente, o presidente de Portos trasladou a vontade da Xunta de instalar unha marquesiña na parada de autobús do porto, tal como demandan os usuarios e informou do próximo inicio das obras de pavimentación do aparcadoiro existente entre o edificio do ISM e a oficina portuaria, nas que Portos de Galicia investirá máis de 32.000 euros.