Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

Portos de Galicia e o concello de Rianxo acordan a proposta para a reversión ao estado de terreos declarados innecesarios

  • O presidente do ente público reuniuse co alcalde para avaliar a delimitación do solo susceptible de volver á titularidade do Estado e no seu caso trasladarse aos Concellos en base aos criterios técnicos consensuados coa FEGAMP.
  • A zona afectada abrangue os Xardíns do Paseo da Ribeira e a dársena de Setefogas.

 

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2025.- Portos de Galicia e o Concello de Rianxo, na Coruña, acordaron esta mañá a proposta definitiva para a reversión ao Estado dos terreos declarados innecesarios para a actividade portuaria no municipio. Así quedou de manifesto na reunión celebrada esta mañá entre o presidente do ente público, José Antonio Álvarez, e o alcalde rianxeiro na sede do organismo portuario na Coruña.

No encontro de traballo ambas administracións consensuaron a delimitación do solo susceptible de volver á titularidade da Administración Xeral do Estado para que esta o transfira ao Concello de Rianxo dado o seu uso veciñal, de carácter público, e non restrinxido á actividade portuaria. A proposta acordada baséase en criterios estritamente técnicos que foron ratificados previamente polo conselleiro do Mar coa Fegamp.

En concreto no caso do porto de Rianxo os terreos situados actualmente en dominio público portuario que a Xunta de Galicia proporá devolver ao Estado para a súa posterior transferencia ao Concello corresponden aos Xardíns do Paseo da Ribeira e a dársena de Setefogas.

A reunión co Concello de Rianxo dá continuidade á celebrada días atrás con Laxe, Vilagarcía e A Illa de Arousa, dentro da segunda fase do procedemento de reversións, logo de que o Consello Reitor de Portos de Galicia aprobase en xaneiro a declaración de innecesariedade dos terreos dos 8 portos que se incluíron na primeira fase. Tras a ratificación polo Consello Rector, a proposta trasládase á Consellería de Facenda para a súa elevación ao Consello da Xunta. Unha vez aprobadas polo Executivo galego, remitiranse ao Ministerio de Transición Ecolóxica para a súa tramitación e, no seu caso, aprobación final en Consello de Ministros.

 

Luminarias e pavimentacións.

No encontro o presidente Portos informou ao alcalde tamén de que nas vindeiras semanas comezará a renovación das luminarias do peirao por LED con sistema de control de telemático. O ente público investirá nesta actuación no porto de Rianxo un total de 268.000 euros. Ademais, investiranse preto de 106.000 euros na pavimentación dos firmes esgotados e o pintado de sinalización horizontal.