Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

A XUNTA DE GALICIA CONTRATA POR 288.000 EUROS AS OBRAS DE REFORMA DA NAVE DE DEPORTES NÁUTICOS DA SOCIEDADE DEPORTIVA TIRÁN, EN MOAÑA

•Os traballos financiase a partes iguais por Portos de Galicia, Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello en virtude dun convenio de colaboración e terán un prazo de execución de 3 meses.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2025.- Portos de Galicia, formalizou o contrato de execución das obras de reforma da nave de deportes náuticos na que desenvolve a súa actividade a Sociedade Deportiva Tirán, no concello pontevedrés de Moaña.

O contrato de obra contempla un investimento de 288.000 euros que se sufragarán a partes iguais entre Portos de Galicia, a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello de Moaña, en virtude dun convenio de colaboración asinado previamente para este fin.  Ademais, a Secretaría Xeral para o Deporte asumiu a redacción do proxecto, mentres que Portos de Galicia licitou e executará as obras e o Concello de Moaña encargarase do posterior mantemento do espazo unha vez rematados os traballos.

Segundo recolle o contrato as obras terán un prazo de execución de 3 meses unha vez asinada a acta de comprobación de reformulo, que deberá formalizarse nun prazo dun mes desde a sinatura do contrato. A reforma da nave incluirá a ampliación do edificio en planta baixa, cunha nave cuberta e aberta para gardar os remolques de transporte das embarcacións e un novo vestiario accesible en planta baixa. Ademais, nesta planta eliminaranse os desniveis existentes no interior da nave principal para dispoñer dun percorrido integramente practicable.

As obras incluirán tamén a reparación e pintado das fachadas, mellorando a imaxe do edificio, e a reparación dos elementos estruturais das cubertas que se atopan deteriorados. Finalmente instalaranse un novo sistema de evacuación de augas pluviais e de reforzo en caso de incendio.