Publicador de contidos
Portos de Galicia lembra que foi o concello da Illa quen deu a licencia que permitiu outorgar a concesión para a nave varadoiro no Xufre
- O organismo portuario solicitou en tres ocasións informe municipal durante a tramitación do título sen que se emitise resposta desfavorable en ningún dos casos.
- A concesión é acorde ao Plan de Usos, non conta con ningunha obxección xurídica nin técnica e non recibiu ningunha alegación ao proxecto na fase de exposición pública.
Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2021.- Portos de Galicia vén de modificar a concesión que foi outorgada en 2015 mediante concurso público ao varadoiro do peirao do Xufre, na Illa de Arousa, para a construción dunha nave de invernada. A tramitación do expediente de modificación conta con todos os requisitos legais para o seu outorgamento e foi sometida a exposición pública sen recibir ningunha alegación.
A concesión é acorde ao Plan de Usos do porto, encaixando a súa localización nunha zona de solo destinada a usos complementarios entre os que se atopa o da nave de invernada. Así mesmo, cumpre coa disposición transitoria recollida na lei de Portos de aplicación nos casos en que non existe Plan Especial do porto, como é este e que limita a altura a 12 metros.
Portos de Galicia pediu informe técnico ao Concello da Illa de Arousa en tres ocasións buscando as maiores garantías sobre este expediente e o Goberno local non informou desfavorablemente esta solicitude en ningunha das tres ocasións nin propuxo modificacións sobre o proxecto. Ademais, en solicitudes análogas referiu a conveniencia de aplicar a disposición transitoria citada, como se fixo.
Ademais Portos de Galicia solicitou ao concesionario unha análise de integración paisaxística e modificacións para a maior integración. Para maiores garantías e de xeito voluntario, Portos de Galicia solicitou adicionalmente un informe xurídico previo desta concesión e condicionou o outorgamento da concesión á obtención de licenza municipal nun prazo máximo de seis meses. É dicir, sen a licenza do Concello da Illa non cabería a concesión. Polo tanto, a modificación da concesión faise efectiva toda vez que o Concello outorga a licenza.
Esta proposta enmárcase dentro da natureza do aproveitamento do solo portuario polo que Portos de Galicia cumpriu coa súa obriga de tramitar a concesión e outorgala esixindo previamente todas as garantías.