Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

Portos de Galicia reforza a promoción de galicia no mercado náutico do norte de europa coa súa presenza no salón sectorial hiswa te water dos Países Baixos

  • Portos e Turismo de Galicia participan por primeira vez nesta feira para dar a coñecer o sistema portuario autonómico como destino e as rutas de peregrinación por mar.

Lelystad (Flevoland), 2 de setembro de 2022.- A Xunta de Galicia, a través de Portos e Turismo de Galicia, traballa para reforzar a entrada do sistema portuario autonómico no mercado náutico do norte de Europa mediante a súa presenza no salón sectorial Hiswa te Water, que se celebra desde o pasado mércores e ata o domingo na localidade holandesa de Lelystad .

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, visitou hoxe a feira, na que o Executivo galego conta cun posto co obxectivo de facilitar a apertura de novos mercados para a náutica galega a través do contacto institucional con entidades públicas e comerciais dos Países Baixos e do norte de Europa presentes neste evento. De feito, os tránsitos procedentes dos Países Baixos son un segmento de negocio incipiente para a náutica galega pois as dársenas da comunidade recibiron en 2021 preto de 300 tránsitos con esa orixe, un 5% das embarcacións totais que recalaron en Galicia.

Este salón, que prevé recibir este ano ao redor de 25.000 visitantes –o que supón un 25% máis con respecto ás edicións anteriores–, destaca polo seu carácter profesional pois reúne a máis dun cento de expositores do ámbito da náutica, da enxeñaría portuaria e da navegación así como agrupacións representantes de navegantes habituais. Coa súa presenza nesta feira, a Xunta de Galicia pretende dar o seu apoio ás diversas entidades do sector náutico da comunidade que mostraron o seu interese e a importancia comercial do evento, no que teñen participado de xeito presencial ou achegando o seu material de promoción a través do stand de Galicia. Desde o pasado mércores, o posto recibiu a visita de centenares de persoas interesándose pola oferta náutica galega.

Portos de Galicia incide así na promoción do sistema portuario galego como escala estratéxica na navegación cara o Mediterráneo ao tempo que expón a comunidade como destino náutico e divulga o Camiño de Santiago por mar, a peregrinación marítima ata calquera dos 30 portos xacobeos da comunidade desde os que emprender o tramo final polas rutas oficiais do Camiño de Santiago.