Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

Portos de Galicia traslada ás confrarías da ría de Pontevedra a decisión do goberno central de buscar alternativas ao punto de depósito de áridos do exterior da ría de Arousa

  • Esta instrución, que é de aplicación xeral, leva a unha nova tramitación para o depósito do material da dragaxe do Lérez
  • O ente público impulsa unha comisión técnica coas Autoridades Portuarias para elaborar conxuntamente un estudo de alternativas a este emprazamento, autorizado desde 1998

 

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2021.-  A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, trasladou esta mañá ás confrarías de Pontevedra a decisión do Goberno central de non permitir máis depósitos de áridos ata a realización dun estudo de alternativas no punto de depósito que o Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico tiña autorizado con carácter permanente no exterior da ría de Arousa, por fóra da contorna protexida da illa de Sálvora. Esta decisión afecta ao conxunto das dragaxes previstas para todo o sur de Galicia e de xeito concreto ao proxecto de dragaxe do Lérez.

Susana Lenguas informou desta circunstancia aos patróns maiores das confrarías que xestionan a lonxa de Campelo -as de Pontevedra, Lourizán e Raxó-, así como ao presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores Pontevedra, que solicitaran unha entrevista coa presidenta de Portos con anterioridade a coñecerse a nova directriz estatal.

A presidenta de Portos de Galicia indicou que a decisión do Goberno central conleva unha nova tramitación para o depósito do material da dragaxe do Lérez dado que non poderá realizarse ata  presentar ao Ministerio un estudo de alternativas ao punto que se viña utilizando desde 1998. Deste xeito, condiciona os avances da obra, que conta cunha partida orzamentaria na súa tramitación de 200.000 euros xa en execución para 2021. Ademais, durante os dous últimos anos, Portos de Galicia ten investido outros 200.000 euros na tramitación ambiental realizada para cambiar o punto de depósito da zona de Tambo, previsto inicialmente polo ente público, ao punto exterior denominado Sálvora.

Susana Lenguas expuxo que o seu departamento está a impulsar con carácter urxente unha comisión técnica coas Autoridades Portuarias, dependentes de Portos do Estado e afectadas tamén pola decisión do Ministerio de Transición Ecolóxica, para propoñer posibles alternativas para un novo punto de depósito. Este traballo ten carácter prioritario para o ente público autonómico dado que a autorización dun punto de depósito estable é condición necesaria para a viabilidade dos proxectos de dragaxe de toda a franxa costeira desde Muros cara ao sur.

Finalmente, propuxo tamén ao sector a creación dunha mesa de traballo coas confrarías de pescadores a través da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, as organizacións de produtores e outras entidades profesionais xunto coas administracións implicadas para afondar nas alternativas para axilizar ao máximo e con garantías a autorización do novo punto de depósito dos materiais a dragar.