Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

Portos de Galicia ultima os traballos de remodelación integral do bordo portuario de Porto do Son cun investimento de 4 millóns de euros

  • A presidenta do ente, en compañía da titular de Mar, visitou as obras de acondicionamento da contorna portuaria de Porto do Son
  • Na visita comprobouse o desenvolvemento das obras, que afectan a un total de 26.000 metros cadrados da localidade

Porto do Son (A Coruña), 3 de xaneiro de 2022.- A presidente de Portos de Galicia, Susana Lenguas, visitou hoxe a contorna portuaria de Porto do Son, onde a Xunta está a ultimar os traballos de remodelación integral do bordo portuario co obxectivo de favorecer a integración do peirao na vila facilitando o labor dos usuarios e facendo a zona máis atractiva para os veciños e visitantes. As obras supoñen un investimento de catro millóns de euros.

Na visita estivo acompañada pola conselleira de Mar, Rosa Quintana, quen lembrou que as actuacións se atopan na súa fase final e que afectan a unha superficie total de 26.000 metros cadrados ao longo de toda a franxa marítima da localidade. O obxectivo principal, engadiu, é humanizar o bordo portuario e abrir o concello ao mar, de xeito que se habiliten amplas zonas para o desfrute dos veciños ao tempo que se facilita o traballo dos usuarios do porto.

As obras inclúen a creación de varias zonas de integración porto-cidade, a reorganización do vial -cun novo trazado e novos materiais de execución- e a creación dun edificio de servizos náuticos e portuarios nas inmediacións do dique. No eido da humanización da contorna, nestes momentos estanse a realizar actuacións ornamentais como a plantación de árbores.

Na visita destacouse tamén que a remodelación do bordo portuario supón un cambio moi importante no aspecto da localidade pois todas as rúas que cruzan a vila cara ao porto remataranse en pavimento de pedra integrándoas co propio espazo portuario. Ademais, inclúe unha rotonda elevada en pedra á que se trasladará o emblemático hórreo de Porto do Son.

Rosa Quintana salientou tamén que todas as actuacións que realiza Portos de Galicia teñen como obxectivo dar servizo ao porto, pero tamén facer que a súa contorna sexa agradable para os usuarios e visitantes. Isto é o que ocorre, engadiu, no caso de Porto do Son, que manterá a súa esencia ao conservar os sinais patrimoniais e de identidade ao tempo que se converterá nunha vila máis humana e accesible.
Do mesmo xeito os traballos no bordo portuario desta localidade coruñesa buscan tamén contribuír a xerar emprego e riqueza na súa contorna pois permiten mellorar os servizos aos usuarios e incrementan o interese e o atractivo turístico de Porto do Son.