Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

Portos de Galicia e o concello de ribeira acordan realizar unha nova distribución de espazos no porto de palmeira para dar resposta ás demandas de usuarios e veciños

  • A nova proposta supón deixar unha área habilitada para o tránsito peonil, outra en paralelo con prazas de aparcadoiro e unha terceira para o tráfico rodado ao tempo que se liberará a zona de elementos de separación actualmente instalados.
  • O Goberno local comprométese a realizar unha axeitada vixilancia da zona para que o estacionamento na contorna sexa ordenado e garanta tanto a seguridade dos usuarios como o tránsito da actividade portuaria.
  • O Executivo galego lembra que os traballos desenvolvidos ata o momento no porto de Palmeira son provisionais e se enmarcan nunha obra menor de ordenación da superficie portuaria previa á contratación da primeira fase do proxecto global de remodelación do peirao.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2022.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe un encontro co alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, para abordar os traballos provisionais e preliminares de reordenación realizados por Portos de Galicia no peirao de Palmeira. As partes acordaron elaborar unha nova proposta de distribución dos elementos instalados na zona máis próxima ao mar co obxecto de deixar unha área habilitada para o tránsito peonil, outra  en paralelo cunha vintena de prazas de aparcadoiro e unha terceira habilitada para o tráfico rodado. Do outro lado desa vía, liberará a zona de elementos de separación actualmente instalados, unhas actuacións que se realizarán proximamente.

As modificacións acordadas na xuntanza, na que tamén participou a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, son o resultado do compromiso trasladado polo Concello de que realizará unha axeitada vixilancia da zona para que o estacionamento na contorna sexa ordenado e garanta a seguridade dos usuarios e o tránsito da actividade portuaria. Neste sentido, o Executivo galego busca que o resultado das actuacións dea resposta tanto aos intereses do sector profesional do porto como ás demandas da veciñanza.

Neste sentido, a Consellería do Mar considera fundamental un adecuado control da presenza de vehículos na zona para evitar a masificación do peirao e posibles interferencias no desenvolvemento da activade ordinaria dos profesionais do sector marítimo-pesqueiro. Nesta liña, hai que lembrar que en determinadas épocas do ano, como a estival, adoitan producirse importantes aglomeracións de vehículos nos espazos portuarios de Palmeira.

A Xunta lembra que os traballos desenvolvidos ata o momento neste peirao ribeirense son provisionais e se enmarcan nunha obra menor de ordenación da superficie portuaria previa á contratación da primeira fase do proxecto global de remodelación do porto. Nesa primeira fase está previsto investir arredor dun millón de euros e o obxectivo é conectar o núcleo costeiro co mar e eliminar as barreiras visuais que impiden gozar plenamente da paisaxe mariñeira da vila.

Esta proposta global e o investimento previsto dan conta do compromiso de Portos de Galicia e do Goberno galego co obxectivo de remodelar o paseo marítimo da localidade, humanizar as instalacións e achegar a vila ao mar para o desfrute de veciños e visitantes de xeito compatible coa actividade portuaria.