Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

Portos de Galicia proxecta o investimento de máis de 380.000 euros na renovación da cuberta da lonxa de Muros

  • A presidenta de Portos de Galicia presentou ao sector profesional e aos representantes municipais o proxecto, que se atopa en tramitación.

Muros (A Coruña), 4 de maio de 2022.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, prevé investir máis de 380.000 euros na renovación e acondicionamento da cuberta do edificio da lonxa do municipio coruñés de Muros. Así o trasladou esta mañá a presidenta do ente público, Susana Lenguas, nunha visita á zona.

A responsable do organismo autonómico presentou á confraría, ao Concello de Muros e a representantes do sector profesional o proxecto xa redactado que se vai tramitar para sacar a licitación nos vindeiros meses. O obxectivo desta actuación pasa por mellorar as condicións de illamento e estanquidade do edificio.

Para iso, as obras previstas inclúen a substitución integral da cuberta de dúas augas por panel de dúas chapas de aceiro así como a renovación da cuberta plana nas zonas restantes. Ademais instalaranse novos canlóns para as pluviais e retiraranse as reixas existentes ata o momento. Finalmente realizarase unha mellora do alumeado a través de lámpadas de tecnoloxía LED.

Esta actuación, que redundará na mellora das condicións de traballo do sector profesional de Muros, enmárcase nunha liña de acción global que está a desenvolver Portos de Galicia nos edificios de traballo dos portos autonómicos. Así, o ente público está a executar obras de melloras da envolvente deste tipo de inmobles ao longo de todo o litoral galego.